Site icon Crónica3.com A Mariña

Rural da Vicepresidencia da Deputación presentou ás gandeirías da Mariña as axudas á recría de Raza Rubia Galega, ás que destina 200.000 euros

A escola de Celeiro de Mariñaos,en Barreiros, acolleu o acto no que se detallaron os requerimentos para solicitar as achegas

Barreiros, 9 de setembro. A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantivo un encontro informativo sobre o programa de axudas a gandeirías de Raza Rubia Galega Marela! na escola de Celeiro de Mariñaos, en Barreiros.

A deputada Iria Castro e o tenente alcalde de Barreiros Antonio Veiga presentaron o acto no que se detallaron os requerimentos e a documentación precisa para solicitar as axudas, destinadas ás gandeirías que recrían animais desta raza autóctona.

Iria Castro explicou que “a través deste programa a área de Rural pretende apoiar economicamente as gandeirías que apostan por esta raza autóctona, e recoñecer un traballo que, ademais de xenerar unha actividade económica importante, contribúe á conservación do territorio e ao mantemento da poboación no rural” e subliñou que “o obxectivo das reunións informativas, que se están a desenvolver en diferentes puntos a provincia, é dar a coñecer o programa e facilitar ás gandeiras e gandeiros a información necesaria para facilitar o procedemento de solicitude, e tamén manter o contacto directo co sector para recoller as
suxestións que nos queiran formular”.

O programa, que conta cun orzamento de 200.000 euros, contempla axudas para as gandeirías que recrían animais desta raza autóctona -nacidos na propia granxa-. As achegas son de 400 euros por animal, ata un máximo de 6 animais por granxa. O prazo de solicitude das axudas está aberto ata o 23 de setembro.

Exit mobile version