Site icon Crónica3.com A Mariña

Rueda anuncia que a sociedade Recursos de Galicia creará unha comercializadora para abaratar e descarbonizar o consumo de enerxía

Asegurou que o obxectivo é que estea en marcha a principios do ano que vén, e que oferte “unha enerxía 100% renovable por un prezo substancialmente por debaixo de mercado”

Sober, 29 de setembro de 2024. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a sociedade Recursos de Galicia (RDG) “xa iniciou os trámites para poñer en marcha, a principios do ano que vén, unha comercializadora propia para abaratar e descarbonizar o consumo de enerxía na comunidade autónoma”.

Así o adiantou hoxe tras manter un retiro de traballo cos membros do seu Goberno, no que abordaron as prioridades políticas “que temos por diante a curto, a medio e tamén a longo prazo para cumprir nesta lexislatura”, indicou. Entre elas, seguir sendo “un Goberno cohesivo que pon os intereses de Galicia por riba de todo” para manter uns servizos públicos de calidade, nomeadamente na educación e sanidade; apoiar a atracción de proxectos industriais; e aproveitar a capacidade da comunidade para liderar a transición verde.

Foi neste último punto onde inscribiu os esforzos da Xunta por garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais de Galicia se traduza tamén en riqueza social. Entre outras iniciativas para garantilo, citou a futura Lei de recursos naturais de Galicia e a sociedade RDG, unha compañía na que a Xunta é a principal accionista xunto cunha parte privada formada actualmente por 32 empresas galegas de diferentes sectores.

RDG, que xa está traballando nos trámites desta nova comercializadora, está tamén avanzando en paralelo no seu plan de negocio. A empresa denominarase RDG Comercializadora galega de enerxía. “Terá como clientes obxectivos a sectores estratéxicos da economía galega e aos veciños dos proxectos de xeración de enerxía que a compañía comercialice e ofertará unha “enerxía 100% renovable, por un prezo estable e substancialmente por debaixo de mercado”, explicou Rueda.

Orzamentos en tempo e forma

Rueda destacou esta iniciativa como unha proba máis dunha acción de goberno centrada en “cumprir a palabra dada” e en tomar decisións que beneficien ao conxunto da cidadanía.

Neste sentido, puxo en valor a importancia de contar cada ano en tempo e forma cuns orzamentos que permitan impulsar, con planificación, as políticas prioritarias para o Goberno galego.

Así, e de cara o ano que vén, adiantou que o próximo 8 de outubro comparecerá no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas estratéxicas do Executivo. O obxectivo é que, unha semana despois, o Consello aprobe o Proxecto de orzamentos para 2025 e os entregue no Parlamento. Desta forma, Galicia estará un ano máis en condicións de ter as súas contas vixentes o 1 de xaneiro. “Ese é o Estilo Galicia no que cremos: traballar desde a planificación, a unión, a concordia e o sentidiño”, asegurou.

Exit mobile version