Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo esíxelle á Deputación o arranxo inmediato da estrada Ove-Vilela, pola inseguridade que o seu estado supón para peregrinos e condutores

Ribadeo, 2 de setembro de 2024. Ribadeo esíxelle á Deputación de Lugo o arranxo inmediato da estrada Ove-Vilela, pola inseguridade que o seu estado supón tanto para os peregrinos como para os condutores. O alcalde, Dani Vega, agarda que o presidente da institución provincial, José Tomé, responda no prazo dun mes á nova carta que lle acaba de enviar. De non ser así o Concello actuará nese vieiro.

O rexedor declarou: “esiximos á Deputación que arranxe de inmediato a estrada Ove-Vilela, a Lugo-P5207. Ten unha falta de inversión moi importante, levamos tempo reivindicándoa. Nestas reunións que queríamos ter coa Deputación, concretamente co presidente, que nunca nos recibiu, recibiunos a deputada Pilar García Porto, e explicámoslle unha serie de actuacións. E entre elas era investir nas estradas da súa competencia, da competencia da Deputación, o que non está a facer. Nosoutros entendemos que cando se ten unha reunión cun responsable dunha administración debe haber unha resposta nun tempo. Vamos actuar aquí, vamos actuar aquí, vamos facer este tipo de inversión, etc. Ter esa boa relación entre administracións para investir”.

Vega asegurou que “nosoutros non queremos polémicas, nin queremos un debate absurdo de pelexas políticas. Non, non, non, non. Nosoutros o queremos é que a Deputación invista, que a Xunta invista, que o Estado invista. É dicir, unha relación coas administracións e que invistan no noso pobo. É a nosa obriga. E eu non entendo o meu cargo doutra maneira. Eu teño que é reivindicar a inversión a todas as administracións, á Xunta, ao Estado e á Deputación”.

O alcalde dixo: “e claro, nesta estrada de Vilela, o que acontece é que hai unha falta de seguridade tremenda, uns baches infernais. O tráfico comparte espazo cos peregrinos, dando unha falta de seguridade absoluta. E polo tanto, nosoutros dicíamos ¿Por qué non se constrúe unha pasarela? O silencio foi a resposta e iso non pode ser. Nosoutros trasladámoslle unha carta directamente ao presidente da Deputación que nun prazo dun mes esperemos que nos responda, para que actúen, que resolvan o problema, que invistan nesta estrada e que tamén invistan nas estradas da competencia da Deputación. Hai problemas en Santalla, hai problemas en Arante, hai problemas tamén na Devesa, na zona da parroquia da Devesa en todas as estradas da Deputación, que levan anos abandonadas”.

Dani Vega subliñou que “todos estas estradas están con problemas, con moitos problemas, pero a de Vilela xa é de nivel máximo. Polo tanto nun prazo de un mes, esperemos que se responda. E se non é así, actuaremos como fixemos cos desbroces. Ante a falta de seguridade, houbo que limpar estradas. Pois agora, se non se resolve nun prazo dun mes o Concello actuará puntualmente, tapando eses baches para dotar de seguridade polo menos aos condutores. E poñerémonos en contacto coa Xunta de Galicia, co Camiño de Santiago, para cambiar ese tramo”.

E engadiu: “vamos actuar, nosoutros non vamos esperar a que pase o tempo e a que o problema morra aí no esquecemento. Iso non nos vamos a permitir. Nós estamos aquí para traballar, para xestionar e para que Ribadeo avance”.

Exit mobile version