Ribadeo, 17 de setembro de 2024. Ribadeo actuou nas estradas de titularidade provincial atendendo ás demandas veciñais e por seguridade. O Concello recurrirá o expediente sancionador da Deputación, segundo ven de anunciar o alcalde, Dani Vega.
O rexedor dixo que “a Deputación dirixiuse ao Concello a través dunha notificación dun expediente sancionador. Cal é o motivo? Que desde o Concello actuamos desbrozando e limpando as estradas da Deputación, cando eles o tiñan que facer e así o ditamina a lei de réxime local, que teñen que cumprir coas obrigacións de limpeza e conservación dos seus viais. Non o fixeron e tivemos que facelo nos porque nos chamaban os veciños para dicirnos que estaban completamente abandonadas as estradas da Deputación. E nosoutros o fixemos, e si fixémolo na Devesa no entorno das praias, tamén actuamos en Arante porque a herba estaba directamente tirada encima das estradas, evidentemente no entorno das curvas era certamente perigoso e había unha falta de seguridade para todos os viandantes e para todos os que circulaban por esa estrada”.
Vega explicou que “tamén actuamos en Santalla e en Cedofeita. En Cedofeita chámannos de madrugada, foi o día das Cruces cando houbo esa inundación e que actuou directamente pola falla de limpeza das estradas da Deputación, a auga entrou directamente na parcela dun veciño e chámannos para actuar. Certamente acudimos alí coa nosa maquinaria, tamén con persoal do Concello, limpamos e días posteriores desbrozamos e fomos coa pala para limpar esa cuneta e cal é a sorpresa agora, que a Deputación sanciona ou pretende sancionar ao Concello de Ribadeo por facer os traballos que tiñan que facer eles”.
O alcalde sinalou: “certamente isto nos entristece, porque nosoutros queremos ter unha boa relación coas institucións e concretamente coa Deputación. E así, cando entendemos que hai unha inversión para Ribadeo e que Ribadeo se beneficia da Deputación, felicitámola. Pero cando pretenden sancionar e multar ao que traballa e ao que fai ben as cousas non podemos permitir esta actitude”.
Dani Vega anunciou: “polo tanto, imos recurrir, imos actuar dende a xustiza, coa lei na man, e dende logo pedímoslle a todos os partidos da oposición que a Deputación reconsidera esta actitude. Instaremos á Deputación a que retire este posible expediente sancionador e que nos posicionemos a favor de Ribadeo. Isto é o que vai facer o Concello e espero que toda a Corporación Municipal. Desde logo, nosoutros vamos seguir velando pola seguridade dos veciños, temos que protexer aos veciños e eu, evidentemente como alcalde, e todo o goberno, cando nos chame un veciño e teñamos que acudir a facer a limpeza dunha infraestrutura que sexa competencia da Deputación imos facer o mesmo, vamos actuar, porque o que non podemos permitir é que estea abandonada toda a rede viaria da Deputación, que non nos atendan as nosas reclamacións e que tampouco nos reciban para que a Deputación invista nas súas estradas”.
Para o alcalde ribadense “é sorprendente a actitude da Deputación, sorprendente tamén esa maneira de actuar desde esa política sectaria. Nós entendemos que a política, as administracións, deben tenderse, debemos xestionar o orzamento para o noso municipio e toda a Corporación estar unida en defensa dos intereses de Ribadeo e velar por a seguridade dos veciños”.