Site icon Crónica3.com A Mariña

Reaberto e renovado integramente o parque infantil da praia de Llas

Foz, 9 de setembro de 2024. O parque infantil da praia de Llas, situado na área recreativa do Cu do Castro, foi aberto ao público a pasada fin de semana despois dunha renovación integral.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que esta actuación foi posible grazas a un investimento de 27.600 euros aportados pola Deputación de Lugo. “O parque conta cun pavimento completamente renovado de caucho. Optamos por dispoñer xogos de plástico reciclado por conciencia ambiental e tamén por durabilidade nun entorno tan próximo ao mar. Renovamos o parque completamente, incluíndo unha estrutura composta por dúas plataformas con accesos diferentes e tobogán, dous muelles balanceantes e un balancín de dúas prazas”. O alcalde destaca especialmente o columpio: “por vistas, estamos a falar do mellor columpio de Foz: dá a sensación de que te balanceas sobre o mar Cantábrico. A paisaxe é espectacular”.

O rexedor municipal avanza as seguintes actuacións: “estamos a tramitar coa administración provincial os remanentes do contrato -algo máis de 20.300 euros, froito das baixas da licitación- para máis actuacións. Imos investir algo máis de 5.100 euros no parque de Marzán, para substituír os bancos do parque -moi deteriorados- e para a instalación de novas pezas biosaudables; algo máis de 7.200 euros no entorno da piscina, tamén para renovar as pezas biosaudables; e case 8.000 euros en Julia Minguillón para reparación da tarima de madeira, lasurado da pérgola, novos bancos e renovación de luminarias”.

O Concello de Foz continuará coa súa política de mellora de parques infantís, despois das actuación dos últimos anos: Paseo de Colón, Uxío Novoneira (Parque da Petanca), Praza de Galicia, Julia Minguillón, Marzán e Llas.

Exit mobile version