Site icon Crónica3.com A Mariña

Proxecto Ríos promove en Mondoñedo unha xornada de formación sobre os ecosistemas fluviais

O curso, que se celebrará o próximo mércores 2 de outubro, está dirixido ao profesorado, co obxectivo de aprender a realizar inspeccións de ríos co alumnado

Santiago de Compostela, venres 20 de setembro de 2024. O Proxecto Ríos, iniciativa da organización ecoloxista ADEGA, organiza unha actividade de formación dirixida a persoal docente que teña interese en aprender a levar a cabo actividades de educación ambiental sobre o coñecemento dos ríos canda ao seu alumnado. Este curso lugar o próximo mércores, 2 de outubro, no IES de San Rosendo de Mondoñedo en xornada de tarde, desde as 16:30 ata as 20:00 horas.

O obxectivo desta formación é facilitar ferramentas ao profesorado para que poida desenvolver actividades de coñecemento dos ecosistemas fluviais, así como da fauna e flora dos ríos, desde un enfoque práctico. O curso contará cunha charla para coñecer o proxecto, unha saída a carón do rego de Valiñadares para a recollida de mostras de macroinvertebrados e a súa posterior identificación para determinar a calidade ecolóxica do río.

O curso é gratuíto, mais cómpre inscribirse previamente a través deste formulario: https://forms.gle/SVGmqkA6BWxacHSw9.

Proxecto Ríos

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de educación e voluntariado ambiental promovida pola organización ecoloxista ADEGA que conta co financiamento de Augas de Galicia a través das axudas para a conservación e a divulgación dos valores naturais dos ecosistemas fluviais. A finalidade do Proxecto Ríos é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos mediante as ferramentas que garantan a súa participación.

Pódese consultar máis información en www.adega.gal e www.proxectorios.org, ou contactar con adegamarinha@adega.gal. ADEGA fai un agradecemento especial ao IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo pola súa colaboración.

Exit mobile version