Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado en Ribadeo o documental “O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata”

O audiovisual, dirixido por Xan Leira, presentouse esta tarde en Ribadeo

Lugo, 19 de setembro de 2024. A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación esta tarde en Ribadeo do do documental “O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata”, un proxecto audiovisual producido coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coincidindo co centenario do falecemento do poeta e político de orixe ribadense José Alonso y Trelles (Ribadeo 1857– Montevideo, 1924), emigrado a Uruguai onde acadou sona e recoñecemento.

No acto, que contou coa presenza do director do filme, Xan Leira, e do libreiro e investigador ribadense Pablo Rodríguez “Vivín”, cuxo testemuño e arquivo documental ten un papel chave no filme, a responsable provincial sinalou que se trata dun proxecto audiovisual “que divulga material pouco coñecido sobre el Viejo Pancho, poñendo en valor o patrimonio documental depositado en Ribadeo pola súa familia” e destacou que “a investigación sobre a súa vida e obra supón tamén unha ventá para seguir afondando no coñecemento da emigración da comarca da Mariña cara a America”.

O audiovisual artéllase arredor do descubrimento diante da cámara do material conservado por Pablo Rodríguez “Vivín”, depositario do arquivo da familia Alonso y Trelles en Ribadeo, xenerando unha narrativa que afonda en diferentes aspectos da biografía e da obra do escritor e político, no que interviñen tamén outras persoas investigadoras como Pilar Cagiao, Martín Fernández Vizoso, Manuel Suárez, José Mª Monterroso Devesa, Toni de Seares e Ana Lorenzo, estes últimos responsables do programa de radio Sempre en Galicia, de Montevideo e integrantes do Patronato da Cultura Galega, entidade comprometida coa recuperación e mantemento do legado do escritor homenaxeado.

Exit mobile version