Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco pon Innolact como exemplo da oportunidade que representan as axudas do PERTE Agro para modernizar e facer máis competitiva a industria rural galega

O delegado visitou as instalacións da empresa en Castro de Rei

Castro de Rei, 4 de setembro de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo hoxe a empresa Innolact, especializada na elaboración de queixos crema, como exemplo da oportunidade que representan as axudas do PERTE Agro para modernizar e facer máis competitiva a industria rural galega. Fíxoo durante a visita ás instalacións da empresa no polígono industrial de Castro Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, na que estivo acompañado polo director xeral da firma, Sergio Martínez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

Na mesma, Pedro Blanco aproveitou para animar ás empresas e pemes galegas a non deixar pasar a “oportunidade única” que supoñen as novas axudas do PERTE Agro, que se poderán solicitar a partir do 19 de setembro, por valor de 100 millóns de euros, ás que se sumarán proximamente outros 200 millóns da addenda en forma de préstamos “para transformar a nosa economía cara un modelo máis innovador, eficiente, dixital e sostible”.

O delegado destacou que a compañía, que comercializa os seus produtos baixo a firma Quescrem, “é unha empresa pegada á terra que leva a innovación por bandeira e referente no seu campo a nivel internacional, dando traballo a máis de 100 profesionais”. “Unha empresa que contou en todo momento co apoio do Goberno, primeiro a través do CDTI e agora co PERTE Agro”, apuntou.

A este respecto, indicou que Innolact é unha das empresas beneficiarias do PERTE Agro, xunto con outras firmas galegas que participan en proxectos que suman 54 millóns de euros de investimento do Goberno. En concreto, a compañía lucense recibe 734.704 euros no marco do proxecto AccelerEAT, no que tamén participa a galega Hifas da Terra, e que suma axudas por valor de 19 millóns de euros.

Entre as actuacións a financiar con cargo ao PERTE figuran a investigación de novos ingredientes e novos materiais e envases sostibles para o sector alimentario elaborados a partir de subprodutos; a creación dun xemelgo dixital para reducir ineficiencias no proceso de produción de produtos lácteos; a implantación de blockchain e códigos QR para rastrexar e garantir a seguridade alimentaria, ou a introdución de robots colaborativos nas liñas de envasado, etiquetaxe e almacenado para a optimización dos procesos.

Estes cartos veñen a sumarse aos recibidos pola empresa para distintos proxectos financiados polo CDTI con fondos FEDER, cos que, en conxunto, mobilizaron investimentos en materia de investigación, innovación e desenvolvemento por valor de máis de 3,3 millóns de euros.

Como sinalou Blanco, “son proxectos que permiten transformar a industria galega, apostar por produtos de maior valor engadido e consolidar o tecido produtivo no medio rural”. Na mesma liña, engadiu que “son un exemplo máis de que os fondos do Plan de Recuperación do Goberno chegan a todos e cada un dos concellos galegos, con investimentos chamados a mellorar a vida das persoas e a transformar a economía do país e das zonas rurais”.

Exit mobile version