Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares instan a Por Viveiro a apoiar unha moción de censura liderada polo PP como forza maioritaria para “reverter a situación do Concello”

Os concelleiros populares cren que “Viveiro necesita o cambio que pediron os viveirenses nas urnas”, pero para iso é preciso “o apoio dos concelleiros do grupo independente”

Viveiro, 20 de setembro de 2024. Os concelleiros do PP cren que “Viveiro necesita o cambio que pediron os viveirenses nas urnas fai aproximadamente ano e medio para reverter a situación do Concello – cun goberno bicéfalo, unha situación económica catastrófica, perda de servizos, deterioro do patrimonio e un perda de prestixio social e cultural e de liderado político-.

A portavoz, Mariña Gueimunde, concretou en rolda de prensa acompañada polos concelleiros do PP que “a única forma é presentando unha moción de censura liderada polo grupo maioritario da Corporación municipal, o Partido Popular”. Pero para iso “precísase a maioría absoluta, é dicir, 9 firmas. Ademais dos 7 votos do PP, os 2 votos a favor do grupo independente -XViveiro- que apoiou, previamente, a investidura da alcaldesa socialista e o goberno bipartito -PSOE e BNG- a cambio dun acordo programático que deberían cumprir nun prazo de menos de 2 anos e do que non cumpriu nin un só punto -centrándonos só nos que supoñían cifras concretas, están a deber xa aos viveirenses 1M€ para o Conservatorio e 600.000 € para as parroquias-”. É por iso que “instamos aos concelleiros de XViveiro a reflexionar sobre o futuro do noso concello e demostrar se realmente son un partido independente que traballa por Viveiro apoiando unha moción de censura liderada polo Partido que obtivo o apoio maioritario dos viveirenses”.

“Moitos veciños -votantes e, incluso, persoas que recoñecen que nos votaron nas pasadas municipais- pídennos solucións e dar o paso, pero non é posible debater a moción de censura sen contar coa firma da maioría absoluta da totalidade dos membros da corporación”, aclararon os populares.

Por outra banda, os populares consideran que “coas últimas declaracións da alcaldesa (PSOE) e da tenente de alcaldesa (BNG) nos medios de comunicación queda aínda máis clara, se cabe, a bicefalia do goberno de Viveiro. Temos dúas alcaldesas: unha alcal e unha desa, e incluso se desmenten unha á outra -a tenente de alcaldesa recoñece que a Xunta atende ás súas solicitudes de reunión-”. Os concelleiros do Grupo Popular cren que “o Concello debe ter un único goberno cun único obxectivo: desenvolver o mellor proxecto para Viveiro” e “non dúas partes que van por libre”.

Gueimunde tamén fixo referencia á “dramática” situación económica do Concello que acumulou dende o 2023 máis de 1M€ en facturas sen consignación presupostaria que levaron a aprobar recoñecementos de débeda por 800.000€ e outro que está sobre a mesa de 125.000€. E tamén citou “contratos ilegais dos que xa temos advertido”.

Os concelleiros do PP tamén son conscientes da “perda de servizos”: primeiro o turno de noite e logo a Policía Local, Viveiro tamén quedou sen a residencia de Aspanane, non hai grúa municipal, os vasos pequenos da piscina seguen sen repararse de forma que os nenos non dispoñen deste servizo, non hai obradoiros de emprego porque “o goberno local non os solicita” e incluso “non garante un servizo básico como é o abastecemento de auga nas parroquias do rural á vista de que Chavín, Landrove e Magazos sofren cortes continuamente”.

A portavoz popular tamén incidiu no deterioro do patrimonio de Viveiro. “O Grupo Municipal Popular ten reclamado nos plenos mantemento e melloras na Praza de Abastos, no paseo fluvial do Landro e o paseo marítimo de Covas, no cemiterio municipal, no Conservatorio, no Teatro, no centro comarcal, no pavillón, no campo de fútbol de Celeiro, no centro comarcal ou no acceso á praia de Sacido, por poñer algúns exemplos”, dixo.

Gueimunde tamén considera “preocupante” a perda de prestixio social e cultural por parte do Concello de Viveiro, así coma da falta de liderado. “As asociacións estiveron en perigo, a Banda Municipal, as festas populares -As Nogueiras e a Festa da Merluza non se celebraron-, o Naseiro e as Maulas saíron adiante grazas á presión da oposición e á colaboración veciñal, esquécense de San Roque quitando o festivo do día do patrón para 2025…”.

“Unha nula capacidade de xestión e unha falta de liderado é o que demostrou, en 11 anos de goberno, a señora Loureiro á que lle escapan os concelleiros – leva 3 meses sen cubrirse unha acta baleira-”, sinalou a popular. Gueimunde tamén afeou que “nos últimos días, tratara de desviar a atención das súas competencias cun vitimismo esaxerado. Nin sequera ten o apoio dos seus: o Goberno do Estado inviste noutros Concellos da comarca, pero en Viveiro non. Non ten proxecto, non ten liderado e incluso lle escapan os concelleiros: hai 3 meses que teñen unha acta sen cubrir”.

O BNG DESMÁRCASE DA MALA XESTIÓN DA ALCALDESA, PERO TAMÉN É RESPONSABLE

“A situación do Concello de Viveiro tamén é responsabilidade do BNG, por apoiar á alcaldesa e formar parte do goberno municipal”, subliña Gueimunde, “a pesar de que trate de desmarcarse deixando clara a bicefalia. A propia tenente de alcaldesa contradí á alcaldesa ao recoñecer que as relacións coa Xunta son boas e tamén recoñece a mala xestión da alcaldesa ao dicir que o Concello sobrevive pola inercia da administración e a responsabilidade dos traballadores: a única á que deixa mal é a alcaldesa.

Tamén “pretende destacar como un éxito un aforro do 60% na factura da luz a partir do 1 de xaneiro, cando o que demostra é que xa se puido ter evitado pagar o dobre ou triple que paga calquera usuario se o sacara a licitación en lugar de prorrogar o servizo o pasado 7 de febreiro”. E incluso “recoñece que non se están facendo as cousas ben e que ela mesma advirte á secretaria: Vai de Mesías, de mestra, para ensinarlle á alcaldesa como ser alcaldesa”, conclúe.

Exit mobile version