Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Burela instan ao goberno local a poñer en funcionamento a radio pública municipal

Esta é unha das iniciativas que o Grupo Municipal Popular defenderá no pleno do vindeiro xoves

Burela, 24 de setembro de 2024. Os concelleiros do PP de Burela instarán ao goberno bipartito no pleno do vindeiro xoves a poñer en funcionamento a radio pública municipal.

Os populares indican que “a emisora funcionou durante moito e que deixou de emitir durante o anterior mandato sen que o goberno local -do que xa formaba parte a señora López Moreno- explicara cales foran os verdadeiros motivos”.

A programación da radio pública municipal -tal e como sucede noutros concellos da contorna- “debera ser plural, sen sectarismo e na que se trataran temas de interese para toda a veciñanza”, expón o portavoz, Manuel Rouco.

Antes das últimas eleccións locais as distintas forzas políticas acudiron a un coloquio – debate que tivo lugar nas instalacións da radio pública de Burela no que todos os representantes coincidiron en que “a había que poñer en valor” porque “se trata dun medio de comunicación moi necesario que debería funcionar adecuadamente”.

Case un ano e medio despois de iniciar o mandato, a señora López Moreno non tivo ningunha iniciativa neste sentido. Polo tanto, dende o Grupo Municipal Popular “coherentes coas nosas propostas en campaña, levamos esta iniciativa ao pleno que agardamos que teña boa acollida”, conclúen.

Exit mobile version