Eran os condutores de cada vehículo
Vilalba 7 de setembro, 2024. O 112 Galicia tivo constancia do accidente minutos despois das 10:30 horas desta mañá, logo do aviso dun particular. Durante a súa chamada explicou que dous turismos colidiran frontalmente na N-634 ao seu paso por Sancovade.
O alertador tamén indicou que os dous condutores non daban saído dos coches e parecían precisar asistencia sanitaria, polo que os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou unha ambulancia, e dos Bombeiros de Vilalba. Tamén se pasou a información á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilalba.
A patrulla da Policía Local, xa desde o punto, confirmou que ambos condutores non podía saír dos coches, xa que tiñan as portas bloqueadas. Debido a iso, a dotación de bombeiros que acudiu fixo uso do material de excarceración para poder liberar aos dous feridos. Logo foron trasladados ata o Hospital Universitario Lucus Augusti polo persoal sanitario.