Site icon Crónica3.com A Mariña

Os asistentes á xeovisita da Frouxeira coñeceron os procesos xeolóxicos que envolven a este recurso

A Mariña, 24 de setembro de 2024. Esta fin de semana, o pasado domingo, desenvolveuse a segunda visita ao alto da Frouxeira correspondente ao programa de Xeoturismo da Mariña Lucense.

Os asistentes coñeceron os procesos de formación dos magmas que deron lugar ao macizo granítico da Toxiza e á súa intrusión dentro dos materiais paleozoicos do Manto de Mondoñedo. Desta volta baixo un sol espléndido os participantes subiron ao miradoiro para observar as pías e outras rechamantes formas de erosión e gozaron das impresionantes vistas desde a altura.

Sobre os restos da fortaleza da Frouxeira coñeceron a historia do mariscal Pardo de Cela e recibiron información sobre os recentes achádegos derivados da aparición e estudo do seu testamento.

En total foron 20 persoas as que puideron gozar desta xeo visita da Mancomunidade de Concellos da Mariña procedentes de Viveiro, A Coruña, Santiago de Compostela, Culleredo, Foz, Ribadeo e Barreiros.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense retomou a programación de actividades de Xeoturismo, posta en marcha o pasado mes de decembro a través do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola propia Mancomunidade, pola Xunta de Galicia e pola Secretaría de Estado de Turismo.

Todas as actividades de xeoturismo desenroladas desde finais de decembro de 2024 e ata o momento, un total de 22, foron gratuítas e estiveron abertas ao público sendo preciso anotarse previamente a través do enlace https://amarinalucense.gal/es/geoturismo.

A próxima fin de semana será a quenda da visita á Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, e unha visita en barco á praia das Catedrais, en Ribadeo, que por motivos alleos á organización substitúe á segunda visita en barco ao Fuciño do Porco. Ambas actividades xa non dispoñen de prazas libres, dando así paso ás propostas das fins de semana e festivos do mes de outubro e novembro dentro do programa “A Mariña. Plans con corazón.16 rutas e visitas guiadas”.

Exit mobile version