A Vicepresidencia da Deputación colabora na organización do evento, organizado pola Concellería de deportes do Valadouro e a AD Río Ouro
Lugo, 9 de setembro de 2024. O campo do Árbol do Valadouro acollerá o vindeiro sábado 14 de setembro un torneo de fútbol base organizado pola concellería de Deportes do Valadouro e a AD Río Ouro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Mocidade Daniel García, o concelleiro de Deportes do Valadouro Eliseo Teijeiro, e representantes do club organizador presentaron o torneo, que reunirá máis dunha vintena de equipos das categorías alevín, benxamín e prebenxamín de clubs de Lugo e Asturias e que será un dos primeiros en celebrarse na provincia tras o parón da actividade competitiva e de adestramentos que supón o verán.
O deputado Daniel García valorou “a colaboración entre o concello e ao club para organizar este evento e para ofrecer ás nenas e nenos do concello alternativas de ocio saudable ao longo do ano” e incidiu na “relevancia do deporte como motor de dinamizacion social, especialmente nos concellos pequenos”.
O concelleiro do Valadouro Eliseo Teijeiro explicou “a aposta do goberno local por reforzar a actividade deportiva e revitalizar as instalacions do Árbol coa celebración de eventos como este torneo, que traen xente ao concello e poñen en valor o traballo da AD Río Ouro”.
A Vicepresidencia da Deputación colabora na organización do evento, reforzando o apoio que ofrece ao club valadourés e ao tecido deportivo a través das axudas de concorrencia para entidades deportivas.