O PSOE levará a subida do canon de Sogama ao pleno municipal para pedir á Xunta que rectifique e negocie
Vilalba, 7 de setembro de 2024. Os socialistas de Vilalba lamentan que o PP “trate de enganar á veciñanza mezclando o novo contrato municipal de limpeza e recollida do lixo coa subida de Sogama”.
“O concello investirá máis cartos no novo contrato do lixo para mellorar un servizo público esencial, algo polo que sempre apostamos os socialistas”, lembra o PSOE.
“No caso de Sogama, falamos dunha medida unilateral da Xunta para aplicar un imposto europeo que grava a mala xestión do goberno galego”, engaden os socialistas.
“Como a Xunta aposta pola incineración ten que subir o canon de Sogama sen mellorar o servizo ou apostar pola reciclaxe, pero o que quere é que os concellos paguen un incremento desproporcionado”, critica o PSOE.
“É dicir, o PP fará o que fai sempre, beneficiar á empresa privada que ten o 49% de Sogama, pero á vez chamar hipócrita á alcaldesa de Vilalba por mellorar un servizo público”, afirma.
“Levaremos a subida do canon de Sogama ao pleno e se PP está a favor dos intereses de Vilalba terá a oportunidade de apoiar a moción que se presente”, rematan os socialistas.