Dende o PP defenden que “o noso concello sempre foi un referente, pero necesita avaliar a situación económica actual, recopilar ideas e impulsar novos proxectos que inxecten enerxía e positividade en Viveiro”
Viveiro, 19 de setembro de 2024. Os concelleiros do PP propoñen que o Concello promova a celebración dun Foro Económico en Viveiro. Os populares din que “o noso concello sempre foi un referente, pero necesita avaliar a situación económica actual, recopilar ideas e impulsar novos proxectos que inxecten enerxía e positividade en Viveiro”.
O Grupo Municipal Popular vén de rexistrar esta iniciativa para defendela no vindeiro pleno da corporación local á vista porque “cremos que é hora de contextualizar as nosas carencias e propoñer solucións a curto e longo prazo para saír deste letargo”.
Os populares cren que “o noso concello está a sufrir un declive” tralo peche de conserveiras, a redución da produción en grandes industrias da comarca e “as dificultades ás que se enfrontan a diario as PEMES e os autónomos”.
Ademais, subliñan que “a hostalería e a restauración reséntense fóra da época vacacional e o pequeno comercio compite día a día coas grandes empresas de venda online que ameazan o seu futuro e opacan a un dos sectores tradicionais máis vinculados ao noso concello, o comercio de proximidade”.
Os populares cren que o impulso dun Foro Económico “permitiría determinar solucións prácticas a curto prazo e establecer os cementos para un futuro sostible e que xere confianza”.