Antonio Ameijide explica que esta proposta “é o revulsivo perfecto” para recuperar a solidariedade entre todos os municipios: “de non aceptar esta iniciativa, tanto PSOE como BNG demostrarán que seguen os mesmos criterios dos independentistas cataláns, repartindo fondos para unha parte da provincia e discriminando ao resto de lucenses”
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ve neses máis de 21M€ ingresados neste ano “o revulsivo perfecto para recuperar a xustiza e a solidariedade entre todos os municipios. Agardamos que o presidente da Deputación os reparta con criterios igualitarios, algo que non fixo cos máis de 100 millóns de euros do orzamento provincial”, criticou.
A proposta que defenderán os deputados populares consistirá en que a metade deses fondos se destinen ao mantemento e mellora da rede de estradas provincial da Deputación de Lugo de forma que se duplique a partida 45.30 para estradas do orzamento para o 2024. Ameijide lembrou que “as vías provinciais están intransitables, froito da falta de mantemento, e dificultan a conexión e comunicación entre municipios, ademais de facer perigosos os desprazamentos a lucenses e turistas”.
A outra metade, segundo defenden os populares, debería destinarse a incrementar nun 50% os fondos do Plan Deputación -dotado neste 2024 con 21,75 M€- a través dunha liña adicional dirixida aos Concellos “porque, dos Plans que se aplican a día de hoxe, é o medio máis igualitario para o reparto de fondos entre os municipios da provincia”. Ameijide subliña que “o goberno de PSOE e BNG prefiren repartir os fondos a dedo entre os amiguetes de José Tomé” lembrando os 15M€ dirixidos no 2023 a través de convenios ou os 3,3M€ no primeiro semestre do 2024 a Concellos gobernados na práctica totalidade por PSOE e BNG.
Os populares inciden en que a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios é unha competencia propia das Deputacións provinciais atendendo ao artigo 36. b) da Ley 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases del Régimen Local. E tamén entra dentro das súas responsabilidades principais xestionar e conservar os bens da súa titularidade como é o caso da rede viaria provincial, “a máis extensa de España que foi construída por un goberno do Partido Popular e que PSOE e BNG non son capaces de manter en bo estado para favorecer a comunicación dos lucenses e o desenvolvemento da provincia”.
Dende o Grupo Provincial Popular agardan que o goberno provincial “escoite, valore e acepte esta proposta en positivo que unicamente busca mellorar a provincia e avanzar na igualdade entre municipios. No caso de que non a acepten será a confirmación de que José Tomé se transformou nunha especie de independentista catalán; xa que só quere fondos para unha parte da provincia e para o resto non. Agardamos que a insolidariedade dos independentistas cataláns non se instalase tamén dentro do socialismo e nacionalismo lucense”, finalizaron.