O portavoz Antonio Ameijide e os deputados provinciais Clemente Iglesias e José María Fernández visitaron A Pontenova xunto aos concelleiros do PP no municipio encabezados pola portavoz Conchita Novo
Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide -portavoz-, Clemente Iglesias e José María Fernández visitaron o entorno xunto a concelleiros do Partido Popular na Pontenova entre a que se atopaba a portavoz municipal, Conchita Novo, e piden ao goberno provincial “axilizar” as obras para “poder poñer en marcha o antes posible este servizo”; toda vez que “cando se asinou o convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello en febreiro do 2018 se anunciaba como obxectivo que estivese rematada no 2019”.
Ameijide adianta que “estaremos vixiantes de que se cumpra o prometido” e, sobre todo; de que, “unha vez rematadas as obras, se poña en marcha o servizo de atención a 30 persoas en réxime de residencia e 20 no centro de día -que ademais suporá a creación de postos de traballo no municipio- e que non permaneza pechado igual que o de Becerreá”. Neste caso, “o goberno de PSOE e BNG está a privar do servizo aos veciños por capricho político de José Tomé” a pesar de que “a construción desta residencia comarcal rematou fai máis de 2 anos e medio e, ante a falta de uso e mantemento, xa se empeza a deteriorar como se aprecia no exterior”.
RESIDENCIAS COMPROMETIDAS SEN POÑER EN SERVIZO
O portavoz popular lembra que, ademais da residencia da Pontenova e o centro comarcal de Becerreá, tampouco están en funcionamento outras sete residencias comprometidas, a maioría no mandato 2015-2019. Nalgúns casos están en construción con importantes atrasos con respecto ao anunciado inicialmente -a de Guitiriz adxudicada 12 anos despois da sinatura do primeiro convenio e a da Pobra do Brollón 5 anos e 5 licitacións despois-. E noutros nin sequera se empezaron a construír coma no caso de Cervantes, Folgoso do Courel, Ourol, Pantón e Portomarín.