Antonio Ameijide recorda como no pleno do martes Tomé “superou todas as liñas vermellas” ao asegurar durante o mesmo que “ningún funcionario podía permitir a entrada ao seu despacho ao voceiro do PP sen o permiso do propio presidente”: “unha actitude mafiosa máis propia dos baixos fondos e que nunca debería de estar presente nunha administración pública”
Lugo, 26 de setembro de 2024. O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, esixe a José Tomé “que cese na súa vendetta xa que semella que quere ser ‘il capo de San Marcos’ coas súas actitudes mafiosas, moi lonxe do que debería ser un presidente dunha administración pública”.
Antonio Ameijide recorda que xa no pleno do martes o presidente da Deputación amosou a súa verdadeira cara, “a dun ditador”, xa que durante a sesión plenaria asegurou que “o voceiro popular non podía reunirse con ningún funcionario” chegando a afirmar que “os propios funcionarios non podían permitir a entrada a ninguén aos seus despachos sen o consentimento do propio presidente”.
Unha situación que vén derivada dunha carta enviada dende a Presidencia da Deputación ao Concello de Ribadeo en relación á sanción que o goberno provincial impuxo ao concello deste municipio por desbrozar, en base a razóns e criterios de seguridade pública, unha estrada provincial.
Nesta carta confirmábanse “as investigacións e control” aos funcionarios, xa que na mesma dicíase textualmente: “infórmolle que estamos a investigar como se produciu esta filtración e tomaremos as medidas que sexan necesarias para evitar que situacións como esta se repitan no futuro”.
“Chegamos a un punto que xa superou todas as liñas vermellas”, polo que dende o Grupo Provincial Popular esixen a Tomé “que deixe traballar aos funcionarios con total liberdade” xa que “coas súas cazas de bruxas o único que vai a conseguir é bloquear o normal funcionamento da Deputación de Lugo”.
A realidade é que semella que o PSOE creo unha especie de Ministerio da Verdade dentro da Deputación de Lugo, “unha ditadura que ten como único obxectivo controlar aos funcionarios dende que entran pola porta ata que saen, colocando un ollo detrás de cada un”.
Unha situación “insostible e que non se pode permitir”, polo que dende o Grupo Provincial Popular esixen a Tomé que “pare dunha vez e se comporte como ten que facer un presidente da Deputación de Lugo” xa que do contrario “teremos que acudir a outras instancias para defender aos funcionarios da Deputación para que poidan realizar o seu traballo con total liberdade”.
SILENCIO CÓMPLICE DO BNG
Dende o Grupo Provincial Popular tamén preguntan ao BNG “se vai a seguir calado e de perfil” mentres os seus socios de goberno “atentan contra a liberdade dos funcionarios da Deputación”.
“Se seguen calados, os deputados do BNG demostrarán que se senten moi cómodos nesta situación, idéntica a outros réximes que amparan noutros países, xa que do contrario terían dado un golpe sobre a mesa en defensa dos funcionarios provinciais e da liberdade”, asegurou.