Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insta a Deputación a renovar a estrada LU-P-6101, aumentando o seu ancho para garantir a seguridade dos condutores

Antonio Ameijide e José María Fernández comprobaron a necesidade de realizar estas actuacións nesta estrada provincial, que conta cunha gran densidade de circulación e na que, en moitos puntos, é practicamente imposible que se crucen dous vehículos

Trabada, 6 de setembro de 2024. Os deputados populares Antonio Ameijide e José María Fernández comprobaron o estado da estrada provincial LU-P-6101 en Trabada, unha vía que conta cunha elevada densidade de circulación que precisa dunha renovación.

O deputado popular e voceiro en Trabada, José María Fernández, explica que nesta estrada “hai moitos puntos nos que é case imposible que se crucen dous vehículos” polo que urxe un estudo para a súa renovación que inclúa un aumento do seu ancho para garantir a seguridade na circulación.

A realidade é que esta vía é empregada por moitos veciños de Trabada xa que une Trabadela con Sante e a Ría, ademais de contar cunha gran circulación de maquinaria agrícola e camións que transportan madeira.

Con esta renovación da vía tamén habería que garantir a renovación do pavimento, moi danado en numerosos puntos, así como o desbroce da vexetación, a poda das árbores e o repintado da sinalización horizontal. “En Trabada precisamos que as estradas da Deputación estean en boas condicións xa que son necesarias para garantir a comunicación entre todos os núcleos de poboación, así como o acceso a puntos fundamentais da Mariña, como pode ser o Hospital da Costa”, asegurou.

José María Fernández denuncia que os veciños de Trabada “merecen que a Deputación de Lugo se preocupe por eles realmente”, algo para o que o alcalde socialista trabadense debería de empregar a mesma enerxía que usa para atacar a outras administracións que non son da súa mesma cor política.

Exit mobile version