Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insta a Deputación a renovar a estrada LU-P-5207, en Ribadeo

Os deputados provinciais Antonio Ameijide e José María Fernández, xunto ao alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, comprobaron o estado no que se atopa esta estrada que precisa “con urxencia” unha renovación do firme para garantir a seguridade dos seus usuarios

Ribadeo, 22 de setembro de 2024. Os deputados populares Antonio Ameijide e José María Fernández, xunto ao alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, comprobaron o estado da estrada provincial LU-P-5207, que discorre por este municipio mariñán, unha vía que conta cunha elevada densidade de circulación que precisa dunha renovación xa que con conta con fochancas que “a volven moi perigosa”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que dende o Concello de Ribadeo xa se pediu ao goberno provincial o arranxo desta estrada “sen que polo momento se tivese a ben atender esta reclamación” a pesar de que “é necesaria xa que por esta vía circula unha gran cantidade de vehículos a diario, polo que non está garantida a seguridade dos seus usuarios”.

Ameijide ve nesta estrada “outro exemplo máis” da “falta de preocupación” do goberno de José Tomé e os seus socios do BNG polo mantemento da rede viaria provincial. “A realidade é que na provincia hai 66 concellos nos que as estradas provinciais se atopan nun estado lamentable, mentres que só hai un no que están en perfecto estado de revista”, denunciou.

O voceiro popular esixe a PSOE e BNG “altura de miras e unha preocupación real” pola seguridade dos usuarios das estradas provinciais. “Ao longo de toda a provincia a falta de mantemento é preocupante, volvendo esta rede de estradas que vertebra Lugo de norte a sur en vías perigosas para os condutores”, denunciou.

Finalmente, Ameijide recordou que a rede viaria provincial “é obra de gobernos do PP á fronte da Deputación de Lugo, contando con moitos menos cartos dos que teñen a súa disposición PSOE e BNG para realizar o mantemento, o que demostra que o único que falta é vontade de querer solucionar os problemas”.

Exit mobile version