Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe ao Goberno de Sánchez “aclarar o cronograma de prazos para a construción da A-74”

De Olano afea que “Sánchez manteña nun caixón este proxecto importante para a comarca co consentimento dos socialistas galegos e lucenses” e reprocha tamén “a complicidade do BNG a pesar dos incumprimentos” polo que “tamén é responsable”

A Mariña, 17 de setembro de 2024. O Goberno de Pedro Sánchez recoñecía en abril deste ano “a parálise da A-74” ao confirmar, nunha resposta escrita a unha pregunta formulada polos deputados do PP lucense, que “os proxectos dos distintos tramos da autovía da Mariña se atopaban en fase de redacción”.

Á vista do importante impacto social e económico que tería esta infraestrutura que permitiría vertebrar a comarca, os deputados Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades -atendendo ao seu deber de fiscalizar ao Goberno e facer seguimento dos temas que afectan á provincia- veñen de rexistrar unha batería de preguntas na Cámara Baixa para que o Goberno de Pedro Sánchez aclare cal é o cronograma de prazos que prevé o Executivo estatal para o inicio e finalización da A-74. “Queremos saber cal é o compromiso real do PSOE con esta infraestrutura”, subliñan.

Os Presupuestos Generales del Estado para o ano 2023, prorrogados para o 2024, incluían unha partida de 2M€ para a redacción dos proxectos dos tramos de Barreiros-O Carme, O Carme-Foz e Foz-Burela e a contratación e inicio da redacción do proxecto do tramo Burela-San Cibrao. Toda vez que “no ano 2023 para cando estaba consignada esta partida orzamentaria non se avanzou en ningunha actuación e que neste 2024 hai consignada a mesma cantidade”, os deputados queren que o Goberno de Pedro Sánchez explique en que estado de tramitación se atopan os proxectos incluídos nos PGE.

Así mesmo, solicitan resposta por escrito sobre o prazo previsto polo Goberno para o inicio da contratación do primeiro tramo da autovía A-74 tendo en conta que “Besteiro anunciaba en xullo do 2023, na campaña electoral das xerais, que o compromiso de Sánchez era iniciar a contratación desas obras durante o ano 2024”.

MALTRATO A GALICIA, LUGO E A MARIÑA

De Olano afea que “Sánchez manteña nun caixón este proxecto importante para a comarca co consentimento dos socialistas galegos e lucenses que só se acordan da A-74 en campaña electoral para que despois o seu líder prefira dirixir fondos de tódolos españois para contentar aos seus socios independentistas e se esqueza das necesidades da Mariña”.

Os deputados populares reprochan tamén a complicidade dun BNG que pese aos continuos incumprimentos de Pedro Sánchez con Galicia, Lugo e A Mariña -sobre asuntos como a AP-9, os servizos e infraestruturas ferroviarias na provincia ou, precisamente, a A-74- sempre lle prestan o seu apoio incondicional. Como socios inseparables, ambos son responsables do maltrato a Galicia, Lugo e A Mariña”.

Exit mobile version