No Grupo Popular explican que o mantemento das estradas provinciais segue a ser “unha das principais tarefas pendentes” para PSOE e BNG xa que, ademais dos desbroces, tampouco se preocupan de solucionar os problemas coas fochancas nin de colocar os elementos de seguridade necesarios e que reclaman os veciños
Dende o Grupo Provincial Popular sinalan que son moitos os concellos nos que aínda se están iniciando estes traballos e hai outros nos que aínda nada se fixo. “Vemos como unha vez máis ponse en evidencia a deficiente xestión do goberno provincial de PSOE e BNG que, ademais, pon en risco a todos os usuarios destas estradas xa que a maleza invade a estrada e diminúe o espazo para que os vehículos poidan circular”, explicaron.
“Unha desatención” que provoca que “se transmita a todo aquel que nos visita unha imaxe moi mala, de total abandono da provincia” mentres a PSOE e BNG “semella non importarlles esta situación”.
A realidade é que hai numerosos municipios na provincia nos que a maleza invade as cunetas e chega á calzada das estradas provinciais, dificultando a visibilidade e poñendo en risco aos usuarios, especialmente naqueles puntos nos que hai un maior volume de tráfico.
Unha situación que repercute negativamente na imaxe que se dá da provincia de Lugo. “Mentres outras administracións, como pode ser a Xunta e os propios concellos, e, incluso, os particulares e o sector privado se esforzan por traballar na mesma dirección para lograr unha boa imaxe da provincia e ofrecer servizos para consolidar o sector turístico, o goberno de PSOE e BNG non está a axudar en nada”, explican.
Ademais, insisten en que non se está a realizar o correcto mantemento destas estradas xa que as fochancas tamén son protagonistas ao longo de moitos quilómetros, así como a ausencia de elementos de seguridade, como pode ser a necesidade de colocar varandas de protección en puntos críticos como na LU-P-2804 en A Cazolga, en Lourenzá, ou na LU-P-5303 na aldea de San Lourenzo, en Ribas de Sil, zonas problemáticas xa advertidas polos propios veciños “aos que o goberno provincial se nega a escoitar”.