Dende o PP preguntarase ao goberno provincial se hai un plan de actuación de arranxo e mantemento nas estradas provinciais e, no caso de habelo, que se facilite o mesmo para poder coñecer as actuacións previstas
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que defenderemos que o goberno provincial destine os 21.756.212,86€ procedentes da liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022 á mellora e ao mantemento da rede viaria provincial e ao incremento dos fondos destinados ao Plan Deputación a través dunha liña adicional de cooperación cos Concellos.
Ameijide afirma que destinar eses fondos a esas dúas liñas de actuación “é a mellor opción” xa que suporía dobrar o orzamento para o mantemento de estradas provinciais, “unha necesidade prioritaria en toda a provincia”, e o Plan Deputación “é o mellor medio que temos na actualidade para repartir fondos entre os 67 concellos da provincia en base a criterios de igualdade e xustiza, en lugar do camiño tomado por PSOE e BNG de dar convenios a dedo aos seus alcaldes afíns”.
MELLORA DOS SERVIZOS FERROVIARIOS
Dende o Grupo Provincial Popular tamén se defenderá unha iniciativa para reclamar ao Goberno de España servizos ferroviarios de calidade para a provincia de Lugo.
A realidade é que as obras de electrificación da vía na zona sur da provincia seguen acumulando atrasos. Primeiro ían estar rematadas no último trimestre de 2023, logo en abril de 2024 e o último prazo foi o 30 de setembro deste ano.
Cómpre recordar que Lugo é a única provincia de Galicia e da contorna sen alta velocidade, así como non se recuperaron as frecuencias de tren suprimidas durante a pandemia nin tampouco se remataron as obras de supresión dos pasos a nivel, detidas dende hai meses.
Tamén é necesario igualar as condicións nas que se presta o servizo do FEVE tendo como principal desigualdade que este servizo é gratuíto para todos os usuarios de Asturias e Cantabria, mentres que os galegos temos que seguir pagando por el.
ROGOS E PREGUNTAS
Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán ao goberno de PSOE e BNG polo plan provincial de reparación de estradas “xa que segundo nos informaron por diferentes vías, o goberno provincial deseñou un plan de actuación e, no caso de ser certo, queremos coñecer as obras previstas”.
Do mesmo xeito tamén se preguntará polos motivos de sancionar ao Concello de Ribadeo por desbrozar a vexetación dunha vía provincial ao paso por este municipio da Mariña, “por razóns de seguridade ao non facelo o goberno de PSOE e BNG”, mentres que “non se actúa da mesma forma con concellos gobernados por socialistas e nacionalistas que actuaron do mesmo xeito”.
No referente aos rogos, os populares pedirán á Deputación que inste a Adif a realizar as obras de mantemento necesarias na estrada provincial LU-P-4103 e outras do entorno, “totalmente estragadas” polo paso da maquinaria pesada das obras que se están a realizar na estación de Santo Estevo, en Pantón.
Tamén se pedirá ao goberno provincial que estude a posibilidade de aumentar o ancho da LU-P-6101, en Trabada, unha vía que moi estreita e pola que a diario circulan numerosos vehículos así como maquinaria agrícola.