Os populares explican que “as obras para mellorar algo sempre están ben, pero puidéronse planificar mellor para evitar coincidir co curso escolar e co Encontro Internacional de Torneiros que se celebra nuns días nesa zona”
Xermade, 14 de setembro de 2024. Os concelleiros do PP cren que “se puideron planificar mellor as obras na principal vía de Xermade”. Os populares subliñan que “sempre estaremos de acordo coas obras que teñan como obxectivo mellorar algo”, pero “elixir esta semana na que os nenos e nenas comezan as clases no colexio situado nesa rúa e a poucos días do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira que tamén se desenvolve nesa zona onde está o pavillón non parece o máis acertado”. De feito, “os nenos e nenas non tiñan onde baixarse dos buses” porque un treito da beirarrúa está valado, como corresponde cando hai obras e posibles perigos”.
Os populares afean, polo tanto, ao goberno local e o alcalde socialista “a falta de planificación nas obras de mellora da avenida das Pontes” por “dificultar o paso en condicións de seguro nun dos puntos máis transitados esta semana. É un trastorno importante na zona tanto polo inicio das clases como pola celebración do evento máis destacado do concello de Xermade”. Polo tanto, cren que “as obras puideron comezar por outras rúas do núcleo de Xermade”.