Os populares tamén se interesarán no pleno deste mércores por saber se o Concello solicitou axudas para a dinamización e mellora “dun dos espazos máis tradicionais e turísticos do municipio”
A portavoz, Mariña Gueimunde, sinala que “nos temos interesado en varias ocasións sobre a Praza de Abastos porque día a día perde actividade e praceiros”: en setembro do ano pasado a ocupación era do 50%, pero “na actualidade só quedan en activo 3 postos dos 12 existentes”.
A popular defende que “é un dos espazos máis importantes, tradicionais, populares e incluso turísticos do noso concello”; ademais subliña “a súa situación estratéxica e o seu valor como escaparate do produto local de calidade vencellado á sustentabilidade, á protección do medio ambiente e ao compromiso coa sociedade”. Polo tanto, “cremos que debemos apostar por el”. Nese sentido, pedimos ao goberno do Concello que saquen a licitación os pregos para adxudicar os postos vacantes porque “de nada serve ter unha Praza de Abastos preciosa se perden o interese en que se ocupen os postos”.
Así mesmo, engade que “esperamos que o Concello pedira as axudas para revitalizar estes mercados en relación ás necesidades dos comerciantes e consumidores, tal e como acordamos tódolos grupos fai un ano”. O acordo adoptado a instancia do Partido Popular recollía a adhesión do Concello de Viveiro ás convocatorias e liñas de axudas ofertadas polas distintas administracións a prol dos mercados e prazas de abastos, ademais de reservar unha partida económica nos presupostos de 2024 para o mantemento e mellora de servizos básicos en tanto non se executaba un proxecto máis ambicioso.
LIÑAS DE AXUDAS DA XUNTA
A Xunta puxo a disposición dos Concellos distintas liñas de axudas. Unha da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para o impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos que supón a adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais. E outra da Axencia Galega para o desenvolvemento rural AGADER, destinada a promover a rehabilitación e reforma de mercados municipais de produtos agroalimentarios.