Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro pide ao goberno local que explique as xestións que fixo para promover obradoiros de emprego en próximas convocatorias

Os populares recordan que no pleno do pasado 6 de marzo defenderon unha iniciativa, aprobada por unanimidade, para que o Concello de Viveiro solicitase obradoiros duais e de garantía xuvenil “despois de ter perdido a ocasión de solicitalos para este ano”

Viveiro, 3 de setembro de 2024. O PP de Viveiro pide que no vindeiro pleno o goberno de PSOE e BNG que preside a señora Loureiro explique os avances realizados para solicitar obradoiros de emprego para o municipio na vindeira convocatoria, toda vez que este ano xa non foi solicitado. Así mesmo, os concelleiros do PP queren que explique as xestións para a mellora de instalacións municipais ou para conseguir o uso doutros espazos para que, nun futuro non afastado, o noso concello poida contar con obradoiros para desempregados.

Os concelleiros populares recordan que no pleno do 6 de marzo defenderon unha iniciativa, aprobada por unanimidade, para que o Concello de Viveiro impulsase a solicitude dos obradoiros para desempregados, incluíndo os de garantía xuvenil, para a súa posterior implantación co obxectivo de promover a inserción laboral.

Os concelleiros do PP recordan que hai anos que Viveiro non se beneficia dos obradoiros de emprego que promociona a Xunta de Galicia e que “cremos son necesarios para incentivar a formación e promover a inserción laboral tanto entre os mozos como entre os adultos cuxa situación está comprometida”.

Os veciños de Viveiro reclaman estes servizos, pero en vista de que o noso concello non os solicita, teñen que acudir aos concellos veciños a anotarse para poder realizalos. “Sendo tantos desempregados os que acoden a inscribirse, saturan as listas e moitos deses demandantes quedan sen a oportunidade de formarse”, subliñan.

Viveiro conta con entidade suficiente para promover a título individual estes obradoiros e, ademais, etn unha media de paro superior a 500 habitantes no 2023, requisito que figura na Orde que establece as bases reguladoras das axudas e subvenciones para os obradoiros duais de emprego para o 2024.

Estes programas experienciais de emprego e formación teñen por finalidade mellorar a ocupación das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

“A formación é algo necesario e enriquecedor, polo que non comprendemos o motivo polo cal este tipo de obradoiros non se solicitan”, denuncian dende o PP local.

Exit mobile version