Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Vilalba lamenta que “a alcaldesa e o bipartito non cumpran coa promesa de poñer en marcha o PAI para este curso”

Á vista de que as obras (para as que o Concello conta cunha achega de preto de 124.000 € da Xunta) aínda non comezaron; “as familias con nenos de entre 0 e 3 anos non disporán para este inicio de curso deste servizo”

Vilalba, 10 de setembro de 2024. O PP de Vilalba afea que “a alcaldesa e o goberno bipartito non cumpran coas promesas que lles fixeron o curso pasado ás familias con nenos e nenas de menos de 3 anos. O que si se están a cumprir son os presaxios do Partido Popular que xa advertía da situación o pasado mes de maio. A realidade é que estamos ante o inicio do curso 2024-2025, pero as obras para a construción do Punto de Atención á Infancia (PAI) aínda non empezaron” e, polo tanto, “as familias que o precisan non disporán deste servizo de conciliación”.

Os populares lembran que “a Xunta aporta preto de 124.000 € para a creación do Punto de Atención á Infancia (PAI)” e 60.000 € para a renovación de vestiarios do pavillón do CEIP Antonio Ínsua Bermúdez. Neste caso, “tamén pola falta de axilidade do goberno municipal que debería telas programado para o verán”, as obras aínda están sen executar cando “xa estamos a principios de curso”.

A Xunta de Galicia tamén acometeu directamente pequenas obras de mellora este verán en distintos centros do municipio: a EEI de Vilalba, aos CEIP Ínsua Bermúdez, Mato Vizoso e Terra Chá e os IES Basanta Silva e Lois Peña Novo.

Sobre a recente instalación dun ascensor no CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba, o Grupo Municipal Popular preguntará no vindeiro pleno ao goberno local a que se debe que o Concello non realizase o contrato de mantemento. Os populares explican que “sen o contrato de mantemento que lle corresponde facer ao Concello non se pode poñer en funcionamento e, polo tanto, o curso comezará sen que os alumnos e alumnas que o precisen poidan facer uso deste novo servizo”.

OUTROS INVESTIMENTOS DA XUNTA EN VILALBA

Os populares queren deixar claro que “a Xunta achega unha parte importante dos investimentos nos centros educativos de Vilalba” demostrando “o seu apoio á nosa localidade” e afean que “a alcaldesa non sexa clara á hora de informar sobre os apoios da Xunta para a mellora de infraestruturas municipais”.

Dende o PP local subliñan que “non é a primeira vez que a mandataria local se apropia de investimentos do Goberno galego, pois en maio deste ano presentaba un novo vehículo do Consorcio de Bombeiros sen avisar á Xunta, unha falta de respecto e unha deslealdade institucional, tendo en conta que tanto o funcionamento como a adquisición do material para estes entes provinciais está cofinanciado ao 50% pola Xunta e as deputacións”.

O Goberno galego ten en marcha máis investimentos este ano no municipio de Vilalba como a renovación do parque infantil situado na rúa da Emigración cun apoio de 35.778 €, a mellora do paseo fluvial e área recreativa da Madalena cun investimento de 193.342 € ou a mellora de vías municipais de acceso a parcelas agrícolas en Alba, Belesar, Rioaveso e Román, o que supón un investimento de 110.368 €.

Exit mobile version