Vilalba, 5 de setembro de 2024. O PP de Vilalba condena “enerxicamente” os recentes actos vandálicos sobre o busto de Manuel Fraga situado na alameda Basanta Olano. Sobre a figura apareceron este mércores, en plenas festas patronais, pegatinas con consignas e símbolos independentistas.
A presidenta, Sandra Vázquez, subliña que “don Manuel Fraga Iribarne, pai da Constitución Española e ex presidente da Xunta de Galicia, representa valores fundamentais que non podemos permitir que se desvirtúen. A defensa dos nosos símbolos e a nosa historia é esencial”.
Os populares agardan que “todas as formacións políticas de Vilalba condenen estes actos” porque cren que “os representantes políticos debemos defender o civismo”.
Os concelleiros convidan ao goberno local bipartito a investigar estes feitos “do mesmo xeito que o fixeron para localizar e multar con 800 euros ao dono dun can porque fai meses a súa mascota escarvara na terra das zonas axardinadas afectando ás plantas”.