A reunión da xunta directiva do PP lucense presidida por Elena Candia centrouse en analizar as posibilidades de creación de emprego e tamén as melloras en infraestruturas educativas na provincia da man do titular de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no Goberno galego, Román Rodríguez
Lugo, 9 de setembro de 2024. O PP lucense analizou na reunión da súa xunta directiva presidida por Elena Candia a valoración da Comisión Europea sobre o proxecto industrial de Altri na provincia onde sinala que “non aprecia ningunha infracción” das directivas europeas sobre emisións industriais e de impacto ambiental. Polo tanto, “deixa en evidencia a un BNG que se opón á fábrica de fibras téxtiles que proxecta Altri en Palas de Rei en lugar de defender a implantación de proxectos que, respectando a normativa medioambiental, xeren emprego no noso territorio”.
“O proxecto industrial de Altri en Palas de Rei é clave para a provincia e conta co apoio do Partido Popular”, incidiron. Ademais, “a Comisión Europea deixa claro que o procedemento se está a facer ben, tal e como defende o Goberno galego: o proxecto estase a someter a unha tramitación que garanta o cumprimento da lexislación vixente, como debe ser”. Polo tanto, “non podemos máis que apoiar a implantación de actividades compatibles co respecto ao medio ambiente”.
Nese sentido, dende o PP de Lugo advirten do “alarmismo” do BNG en relación a este proxecto: “pretenden impoñer a súa ideoloxía por enriba dos criterios de técnicos independentes que están a analizar os informes”. Así mesmo, aclaran que “coa súa actitude demostran que non se opoñen só a un único proxecto, senón a calquera proxecto que xera oportunidades para o noso territorio e permita o desenvolvemento industrial e a creación de emprego na nosa provincia”. Esa mesma é a postura de Yolanda Díaz: “é incomprensible que a propia ministra de Traballo e galega se opoña radicalmente á creación de emprego en Galicia”.
INICIO CURSO ESCOLAR
Román Rodríguez analizou o inicio do curso escolar 2024-2025 que “arranca en Galicia o mércores día 11 cunha batería de medidas que van supoñer a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos grazas ao diálogo construtivo que permitiu acadar con tres sindicatos un acordo histórico de mellora que senta as bases do ensino do futuro na Comunidade”. As medidas arrancan agora e continuarán avanzando progresivamente ano a ano.
Entre elas cómpre subliñar que “unha baixada histórica das rateos que permite reducir un 20% o número de alumnos por clase (comezando por 4º de Infantil neste curso) e mellorar así a atención que reciben, reforzando o ensino galego que xa era un dos mellores de España”.
“Nestes momentos xa se están comprobando os primeiros efectos positivos, como lograr manter abertas máis de 200 aulas grazas a estas novas rateos, con especial incidencia no eido rural”, subliñou o responsable autonómico de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Precisamente Galicia é un referente no ensino rural, cun sistema de distrito único onde un alumno ten as mesmas posibilidades e os mesmos resultados con independencia do lugar onde viva. “Para seguir blindando este sistema, desde o Goberno galego imos continuar facendo un maior esforzo inversor no rural cunha aposta polos servizos de proximidade (non en balde, somos a comunidade líder nisto)”, incidiu Rodríguez.
36M€ PARA MELLORAR OS CENTROS LUCENSES DE ENSINO PÚBLICO
O Goberno galego dirixe, no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024, preto de 36M€ aos centros educativos da provincia. A rede de centros públicos está a ser obxecto de 46 grandes actuacións por importe de 27,5 M€, 367 pequenas obras durante os últimos verán por 7M€, instalacións fotovoltaicas en 14 centros de ensino público da provincia por 387.000 euros e 6 actuacións xa comprometidas. Neste caso, falta por concretar o investimento preciso para 4 delas, mentres que as outras 2 ascenderán a máis de 1M€.
Candia subliñou que, no que se refire á cidade de Lugo, a Xunta dirixiu 13,8 M€ aos distintos centros educativos. Así mesmo, ten previsto a rehabilitación integral do CEIP Anexa e do CEIP Plurilingue de Nadela – CEIP Manuel Mallo Mallo, melloras no CEE Santa María (substitución de carpinterías, reforma de aseos, pavimentos, dormitorios, rampla exterior e novo ascensor), a substitución da cuberta do edificio antiga no CIFP As Mercedes e a construción do futuro IES Anexa.