Dende o PP local subliñan que “varios servizos teñen os contratos caducados” polo que urxen ao goberno municipal a “regularizar canto antes a súa situación”
Neste sentido, os populares convidan ao goberno do PSOE a “xestionar debidamente os recursos do Concello, non deixar pasar oportunidades e corrixir o sistema para conceder axudas ás entidades asociativas de Lourenzá de forma que poidan recibir o apoio do Concello para desenvolver as súas actividades”.
Estas son algunhas das conclusións que os populares sacan da conta xeral do exercicio 2023 que estará a exposición pública durante 15 días hábiles. Os concelleiros poñen tamén atención en que hai débeda de distintos créditos a pesar de dispoñer de remanentes. E incluso dispoñendo de liquidez, “o goberno local tarda unha media de 2 meses (61 días) en pagar aos provedores”.
E aínda que se dispón de remanentes tamén advirten que baixan 98.000 euros con respecto ao ano anterior. “Isto é un claro indicador de que o Concello non é sostible”. Así mesmo, subliñan que “non se xera actividade económica e, polo tanto, deixa de recadar taxas”.
Neste contexto, o portavoz popular, Roberto Díaz, sinala que “é a Xunta de Galicia a administración que máis aporta ao Concello de Lourenzá multiplicando por oito a achega da Deputación de Lugo, segundo os datos que o propio Concello facilita na memoria da conta xeral”.
Tamén subliñan dende o PP local que “varios servizos teñen os contratos caducados” polo que urxen ao goberno municipal a “regularizar canto antes a súa situación”.
PERDA DE POBOACIÓN
O documento reflicte tamén claramente “a constante perda de poboación no municipio nos últimos anos” que, segundo os populares, se debe “á inexistencia de políticas locais para loitar contra o despoboamento: non están a fomentar o asentamento da poboación nin impulsan medidas para xerar oportunidades de emprego no noso concello”.