Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz pide a convocatoria dunha comisión de tráfico para buscar solucións ao “fracaso dos cambios adoptados por Cajoto”

O voceiro popular en Foz afirma que as decisións do alcalde xeraron numerosos problemas aos que agora hai que buscar solucións: “nin os seus propios socios de goberno entenden as súas decisións”

Foz, 16 de setembro de 2024. “Hai meses que levamos advertindo dos problemas que provocarían os cambios de Cajoto no tráfico en Foz e o tempo deunos a razón”. Así se explicaba o voceiro popular, Javier Castiñeira, que pide a convocatoria dunha comisión de tráfico “para buscar solución de consenso en lugar das decisións unilaterales do alcalde”.

Javier Castiñeira explica que nesta comisión deberían de estar presentes representantes dos grupos da corporación, da Policía Local, que é o corpo que debe informar sobre os cambios a realizar, así como os técnicos que deseñaron o plan de mobilidade. “Entre todos debemos de buscar o consenso que realmente solucione os problemas de tráfico tendo en conta a opinión dos expertos e da Policía Local, xa que serán os que deben de aplicar as normas”, sinalou.

Entre os exemplos do fracaso de Cajoto están poñer de sentido único a rúa Irmandiños, co único obxectivo de vender unha obra ás presas antes das eleccións e que “foi unha bomba para a mobilidade en Foz”. Tamén está o exceso de tráfico en Corporacións, cruces e rúas que non están preparados para ser a alternativa, os aparcamentos ocupados por material de obra ou a decisión de dividir en dous o núcleo urbano de Foz.

“Non queremos que o alcalde siga tomando decisións de forma unilateral, senón que a proposta do Partido Popular é que se convoque esta comisión de seguimento para corrixir os erros no tráfico”, explicou.

A realidade é que as decisións de Cajoto xeraron numerosos problemas e agora hai que solucionalos. “Nin os seus propios socios de goberno son capaces de entender as súas decisións”, sentenciou.

Exit mobile version