As mariñás, que foron moi superiores, estreláronse en innumerables ocasión cos paus e coa meta andaluza Celia
O primeiro tempo foi igualado, cun Guadalcacín ben pertrechado atrás e un Pescados Rubén Burela que sobre todo xeraba perigo con lanzamentos desde a distancia. Así as cousas, o primeiro tanto para as laranxas chegou precisamente no minuto 3 de xogo nun balón que quedou morto na zona de dez metros e que aproveitou Noelia Montoro para bater a Celia cun gran zapatazo.
O tanto espoleou ás de Julio Delgado, que tiveron o segundo nas botas de Cami, pero o seu remate sacábao baixo paus a local Nekane cando as mariñás xa case celebraban o tanto. Do posible 0-2 pasouse ao 1-1 practicamente na acción seguinte. Agora era a brasileira Lora, chegada este verán ao Guadalcacín desde o Futsi Atlético Navalcarnero, a que conectaba un bo disparo diante do que nada podía facer Caridad.
Non acusaron o tanto as visitantes, que seguiron acumulando posesión de balón e ocasións sobre o marco contrario. A piques de chegar ao ecuador, Dinha atopábase co traveseiro tras unha boa deixada de Cami. Catro minutos máis tarde, Patricia desaproveitaba un man a man ante Celia e acto seguido era Emilly a que se atopaba cun dos paus da meta defendida pola andaluza.
O Pescados Rubén Burela coleccionaba méritos para subir o segundo ao electrónico, pero era Caridad a que tiña que aparecer no minuto 15 para evitar cun bo pé que se adiantasen as guadalcacileñas. No epílogo do primeiro tempo baixou a cantidade de ocasións e os equipos marcháronse ao intervalo con táboas no electrónico: 1-1.
O segundo tempo foi un monólogo laranxa, cun asedio constante sobre a meta andaluza na que se axigantaba co paso dos minutos Celia. No minuto 25 aparecía de forma milagreira para tapar un remate no segundo pau de Patricia tras unha boa triangulación entre a yeclana, Antía Pérez e Emilly.
Catro minutos máis tarde, co dominio das visitantes cada vez máis acusado, era Emilly a que o probaba, pero de novo atopábase cunha boa intervención de Celia. A meta local multiplicábase para deter posteriormente os intentos de Dany, nunha boa acción de pivote, e de novo Patricia. A hispano-brasileira atoparíase no 31 co traveseiro nun disparo que tocaba Celia co pé.
Tanto estaba a ir o cántaro á fonte que finalmente rematou rompendo no 32. Carolina Pedreira finalizaba unha acción de estratexia desde fóra da área e Celia non tocaba o suficiente para despexar o balón. As mariñás non se relaxaron co segundo tanto e fóronse a polo terceiro, que tivo nas súas botas nunha xogada a balón parado unha moi participativa Patricia, pero a murciana volvíase atopar coa guardamallas andaluza.
A cinco minutos do final, o técnico local, Andrés Sánchez, tiraba man do seu tempo morto e apostaba polo xogo de cinco con Lora como porteira-xogadora. As mariñás defendéronse moi ben, non concederon ocasións ás verdes e mesmo foron quen de forzar un dobrepenalti, que non puido aproveitar Antía Pérez. O seu lanzamento, a pouco máis dun minuto da conclusión, íase directamente fóra. O duelo morría coas xerezanas buscando o empate, pero sen xerar perigo sobre a meta defendida por Caridad.
Ficha Técnica CD Guadalcacín FS 1-2 Pescados Rubén Burela FS
CD Guadalcacín FS (1): Celia; Guti, Jussara, Ame Romero, Nekane -quinteto inicial-, Lora, Gleice, María e Nona.
Pescados Rubén Burela FS (2): Caridad; Noelia Montoro, Emilly, Débora, Dany -quinteto inicial-, Cami, Dinha, Patricia, Antía Pérez e Carolina Pedreira.
Goles: 0-1, min 3: Noelia Montoro. 1-1, min.7: Lora. 1-2, min.32: Carolina Pedreira.
Árbitros: García Robles e Moreno Reina (Colexio Andaluz). Amonestaron ás locais Jussara, Nerea e Nekane, así como á visitante Cami.
Incidencias: Encontro disputado no pavillón Jerónimo Osorio de Guadalcacín diante dunha boa asistencia de espectadores.