Nunha primeira xornada de liga na que viaxarón a Rubí, as Pícaras lévanse os tres puntos ante un Laínco Rubí FS que ofreceu unha boa resistencia ante un conxunto máis veterano
Burela, 7 de setembro, 2024. Ás 19.00h desta tarde, no pavillón La Llana, de Rubí (Barcelona), disputábase o primeiro partido da tempada 2024/2025, a xornada 1 de Primeira División Iberdrola FS, no que o vixente campión de liga enfrontouse a un dos equipos recentemente ascendidos, un Lainco Rubí FS que ofreceu unha moi boa resistencia no seu primeiro encontro en primeira división, aínda que non foi suficiente ante un equipo con moita experiencia nesta categoría que empeza con ganas a liga, levándose o partido un Pescados Rubén Burela FS moi dominante cun resultado final 0-6.
Na primeira parte o Burela domina os 20 minutos de xogo, arrincando con boas xogadas que non lograban finalizar con éxito. Dous tiros boísimos ao pau de Emilly nos minutos 2 e 13 e tres goles moi ben conseguidos pechan esta primeira metade con 0-3 no marcador. Abre o marcador Carolina Pedreira no minuto 9 cun disparo cruzado moi potente que se coa na portería tras un bo pase de Cristina e unha boa deixada de Débora. Aínda que o conxunto visitante insiste, non é ata o minuto 17 ata que Patricia mete o segundo, un golazo tras un saque de córner e outra boa deixada de Antía Pérez, a mesma que anota o terceiro gol do encontro, un minuto despois, tras un dobre pase con Cristina.
A pesar do espectacular paradón de Anna Muniesa nun cara a cara con Débora no primeiro minuto da segunda metade, comeza con forza o conxunto galego cun golazo de Emilly no minuto 22 tras unha bonita deixada de Débora e continúa víndose arriba co 0-5 no minuto 23 cun rexeite que coa Carolina Pedreira tras un disparo de Dany. Mantén a posesión o Burela nos próximos minutos de xogo e continúan xerando oportunidades. Loita tamén o Rubí tentando conseguir estrear o marcador nesta primeira xornada, pero o equipo de Julio Delgado non cede e continúa presionando e frustrando os ataques das locais ata o final do encontro. Outro boísimo desvío de Anna Muniesa no minuto 30 a un disparo de Patricia tras un bo pase de costas de Débora que podería rematar no sexto gol. Sae Laura Ollé para disputar os últimos 10 minutos deste arranque de tempada 24/25 así como tamén Ana Eliza na portería visitante e chega o 0-6 cun sorprendente dereitazo de Noelia Montoro a pase de Emilly nun saque de falta, concluíndo o primeiro encontro da tempada.
Na próxima xornada, o Pescados Rubén Burela FS poderá presentar ao seu equipo en Vista Alegre ante o ARRIVA AD Alcorcón FSF nun horario aínda por confirmar.
Ficha Técnica Lainco Rubí FS FS 0-6 Pescados Rubén Burela FS
Lainco Rubi FS (0): Anna Muniesa; Ana Gil, Arantxa Medina (C), Sandra García, Sandra Navarro, -cinco inicial-, Lucía Giménez, Andrea Luna, Ruth Aurín, Marta Lujan, Aurora Ramírez, Bet Santamaría, Laura Ollé (P). Entrenador: David Parrilla
Pescados Rubén Burela FS (6): Caridad; Carolina Pedreira, Noelia Montoro, Débora, Emilly- cinco inicial-, Cilene, Cami, Patricia, Antía Pérez, Dany (C), Cristina, Ana Eliza (P). Entrenador: Julio Delgado.
Goles: 0-1, min 9: Carolina Pedreira. 0-2, min.17: Patricia. 0-3, min.18: Antía Pérez. 0-4, min.22: Emilly. 0-5, min.23: Carolina Pedreira. 0-6, min.32: Noelia Montoro.
Árbitros: Francesc García-Donas Salvador, Iván López Galiano, Adriá Acero Montes e Silvia Serrano Sánchez
TA: Antía Pérez