Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para urxirlle á Xunta a que poña en marcha un plan de competitividade e sostenibilidade do marisqueo

Julio Abalde alerta da lentitude do goberno galego á hora de implantar medidas mentres as ventas en lonxa caen un 40 por cento en só un ano

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024. A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para esixirlle á Xunta que acelere a posta en marcha dun Plan de competitividade e sostenibilidade do Marisqueo de Galicia 2024-2025. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, presentou esta iniciativa na que inclúe informar ao Parlamento das medidas que estea a aplicar o goberno galego.

Abalde presentou esta iniciativa nunha sesión da Comisión de Pesca na que previamente criticara ao goberno galego pola falla de medidas cando os datos de caída da produción marisqueira apuntan a unha crise que se vén producindo “xa dende hai demasiado tempo”.

A situación foi “reiteradamente denunciada” polos profesionais do mar, concellos da costa e partidos políticos, pero “negada sistematicamente pola Consellería”. Contra esa postura, Abalde sinalou indicadores “contundentes”, como unha caída das vendas en lonxa dun 40 por cento dende principio de ano, respecto do mesmo período do 2023, o que equivale tamén á metade da media das últimas dúas décadas.

Abalde detallou que a crise pásalles factura aos profesionais que desenvolven o seu labor tanto a pé como en embarcación, pero tamén lle afecta á pesca de baixura, que está facturando un 26 por cento menos que no 2023 e un 37 por cento menos que a media do último cuarto de século. Matizou, ademais, que “nin o incremento de prezos compensa a drástica redución de capturas”.

Por iso, lamentou que “ante todo ese panorama, a Consellería do Mar nega a realidade, mira para outro lado, escóndese tras xustificacións puntuais, busca culpables noutras administracións e anuncia día tras día un plan que nin os axentes do sector coñecen”.

Julio Abalde indicou que ao Goberno galego “non lle quedou máis remedio” que recoñecer o que veñen reiterando os socialistas, que a caída da produción marisqueira “é sistémica” e se debe, fundamentalmente, “a procesos vinculados ao cambio climático e á contaminación mariña”.

Advertiu que pese ás evidencias de que o problema ten orixe en factores de tipo ambiental, a Consellería “matiza que se trata dunha hipótese inicial de traballo” e que necesita “máis tempo, máis datos e levar a cabo estudos en máis profundidade”, co que a aplicación de medidas se dilata.

Por outra banda, o deputado socialista preguntouse “como e con que base de estudos científicos se deseñou entón o tan publicitado coma descoñecido Plan de competitibidade e sostenibilidade do marisqueo en Galicia 2024-2025”. Segundo afirmou, a Xunta “leva moito tempo perdido, pero o sector non ten tempo”, de modo que a Consellería debe deixarse de escusas e dilacións “e actuar xa”.

O primeiro que debe facer, demandou Abalde, é remitirlle ao Parlamento as medidas contempladas no plan e informar de en que estado se atopa a súa posta en marcha, pero tamén explicar que estudos se están a realizar para impulsar máis medidas correctoras da situación crítica das rías.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

Acelerar a implantación das medidas do Plan de competitividade e sostenibilidade do marisqueo de Galicia 2024-2025, así como informar correspondentemente ao Parlamento das medidas implantadas e dos axustes que se realicen, en colaboración co sector marisqueiro, no plantexamento inicial derivado dos datos científico técnicos do estado dos recursos dispoñibles en cada momento”.

Exit mobile version