A alcaldesa Carmela López destacou “o grande impacto cultural e económico que o Osa do Mar 2024 supuxo para a localidade”
Burela, 9 de setembro de 2024. O Concello de Burela realizou un balance “moi positivo” da décima edición do festival Osa do Mar, que se celebrou, unha vez máis, a pasada fin de semana no municipio.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou “o grande impacto cultural e económico que o Osa do Mar 2024 supuxo para a localidade”. “O festival celebrou os seus dez anos de historia consolidándose como un evento clave da Mariña lucense”, engadiu.
Para a alcaldesa, o festival “non só promoveu a música de todo tipo, alternando nomes consagrados como os de Iván Ferreiro e Tanxugueiras con outros máis alternativos e emerxentes, senón que tamén dinamizou o turismo e o comercio local, atraendo visitantes de toda Galicia”.
López quixo subliñar “o total compromiso do Concello co evento, que ao longo dos anos axudou a posicionar Burela no panorama musical galego”. “Esta décima edición foi todo un éxito, mantendo o espírito dos seus inicios e achegando novidades que fortaleceron a súa oferta cultural”, afirmou.
“O evento soubo combinar á perfección a música coas actividades culturais e relacionadas co mundo do mar, ademáis de incluir a sección infantil Cantiños, que aposta polos grupos de música dos máis pequenos”, explicou a rexedora.
“Para Burela é un orgullo contar con entidades sen ánimo de lucro como Fanto Fantini, que organiza un festival de categoría que xa é unha cita imprescindible no calendario estival galego”, apuntou López. “Ademais, o fai pensando non soamente na música, senón tamén na inclusión, na paridade, no galego, na cultura e no mar”, concluíu.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, indicou que o Osa do Mar “é un festival feito con tanto cariño, que durante a recollida desta décima edición o domingo xa se podía sentir a ilusión de Fanto Fantini por organizar a do 2025”.
“Antes de rematar o festival xa nos adiantaron algúns dos e das artistas cos que poderemos desfrutar o ano que vén en Burela, como Ortiga, Repion, Mujeres e Pipiolas”, enumerou Gómez.