Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que clarifique os procedementos de recollida, transporte e xestión das arribazóns de alga asiática ás praias galegas

Julio Abalde urxe ao goberno galego que tome medidas para prever as perdas provocadas por esta especie invasora no sector pesqueiro e marisqueiro

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe á Xunta que defina os procedementos e competencias para a recollida, transporte e xestión das arribazóns de alga asiática ás praias galegas e evitar que as cubra ou que volva ao mar. O responsable socialista presentou unha pregunta oral ao conselleiro do Mar para pedirlle que axude ao sector pesqueiro e marisqueiro diante das perdas que provoca esta especie invasora.

O responsable socialista pediulle ao conselleiro que inclúa estas medidas no Grupo de Traballo que constituíu o goberno galego o pasado 10 de setembro a instancias da iniciativa socialista aprobada na Comisión de Pesca do Parlamento a comezos de mes. Este Grupo ten entre os seus obxectivos “elaborar un plan para fixar o protocolo de actuación” diante da chegada desta especie, malia que o PP, lembrou, negárase a incluír o “plan” ou “protocolo” na transacción aprobada.

Abalde alertou do grave impacto ambiental que provoca esta especie invasora, que xa foi detectada polos investigadores das universidades galegas tanto na zona das Illas Cíes como nas costas da Coruña. Critica que o goberno galego non tivera despregado ata o momento “ningunha avaliación dos posibles impactos ecolóxicos e socio económicos” desta especie.

Advirte que a alga asiática, catalogada dende o ano 2020 como especie invasora, está a provocar un grave impacto ambiental nos ecosistemas mariños, ata o punto de que os científicos afirman que non existe outro caso de bioinvasión tan rápida e extensiva, cun impacto directo sobre moitas especies.

Alerta que só no mes de marzo o Concello de Benalmádena retirou 70 toneladas de algas asiáticas das praias, mentres o Concello de Marbella retira ao día preto de 75 toneladas de algas invasoras amontonadas nas praias do municipio, e a xestión custou a lo menos 1,2 millóns de euros en nove meses.

Exit mobile version