Viveiro, 6 de setembro de 2024. A Concellería de Comercio de Viveiro mantivo unha xuntanza co Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, para continuar avanzando nos proxectos de revitalización da Praza de Abastos. Participaron tamén na reunión a alcaldesa María Loureiro e a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez.
Durante a xuntanza abordouse a solicitude de varias liñas de axuda dentro da convocatoria deste ano, co obxectivo de obter o selo da rede de Mercados Excelentes.
Iria Cotelo, concelleira de Comercio, destacou que “esta visita representa unha oportunidade clave para visibilizar as nosas demandas e promover accións que impulsen o dinamismo da Praza de Abastos e do comercio local.”
Ademais, sinalou que “a cooperación institucional é imprescindible para lograr resultados que beneficien tanto á economía como ó benestar da veciñanza de Viveiro”.
Entre os orzamentos solicitados estarían 12.100€ para realizar unha diagnose de situación e usos do mercado, 2.400€ para a formación das praceiras, e, como novidade, 9.680€ para o anteproxecto de reforma da praza, incluído por primeira vez nesta convocatoria.
A suma total dos proxectos ascende a 24.180€, das cales a Xunta subvenciona o 80%, mentres que o Concello de Viveiro asumirá o 20% restante.
Aínda que a resolución da subvención aínda está pendente, a diagnose de situación xa se está a realizar con independencia de que sexa concedida ou non. O Concello dispón dunha proposta de gasto de 14.000€ para este fin, que foi emitida en xaneiro.
A diagnose inclúe o estudo dos pregos de licitación e as modificacións necesarias, e segundo a consultora encargada, o traballo estará rematado a mediados deste mes, tal e como se especificou na memoria da subvención.
Cotelo subliñou que “esta primeira liña de subvencións abrirá as portas para que, no ano 2025, poidamos optar á reforma da Praza de Abastos”.
“Mentres tanto, estamos a preparar o formato para que as persoas interesadas poidan optar aos postos baleiros da maneira máis rápida, xa que a necesidade de impulsar a praza é imperiosa”, engadiu. Con todo, sinalou a concelleira, “a busca deste formato estanos retrasando, xa que é fundamental atopar a seguridade xurídica que permita beneficiar a todas as partes implicadas”.