“Son moitos meses de espera e somos o terceiro concello máis poboado da provincia de Lugo”, sostén a alcaldesa, María Loureiro
Viveiro, 11 de setembro de 2024. O Concello de Viveiro reclama á Xunta de Galicia que atenda as súas peticións de reunións para tratar diferentes cuestións de urxencia que levan meses sen resposta.
Unha delas, solicitada no pasado mes de maio, sería con Portos de Galicia para tratar diversos asuntos relativos a este ámbito.
Entre os puntos a tratar estarían a explanada na que se atopa o antigo Casino de Viveiro, a situación do Peirao de Viveiro, a humanización da zona entre Viveiro e Celeiro, ou temas relacionados coa rampla contigua á ponte da Misericordia no paseo marítimo, que se atopa moi deteriorada.
Outra reunión sería coa Consellería de Educación para tratar a situación do Conservatorio de Viveiro. A cita volveuse pedir no pasado mes de xaneiro despois dunha solicitude aínda anterior.
“Dende o Concello estivemos chamando varias veces para ver cando podería ser esta reunión, pero aínda a día de hoxe segue pendente, a pesar de ser una cuestión urxente para o noso concello e para a veciñanza”, sinala a alcaldesa, María Loureiro.
“Viveiro é o tercero concello máis poboado da provincia de Lugo, e nin aínda así é atendido pola Xunta de Galicia a pesar das nosas reiteradas petición”, lamenta a rexedora.
“Chamamos e falamos en varias ocasión coas consellerías, buscamos todos os xeitos posibles para axendar as reunións, pero seguimos á espera de resposta algunha”, remata Loureiro.