Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro leva a pleno a aprobación do convenio coa Deputación e Augas de Galicia para as obras na Xunqueira

“Unha actuación fundamental para evitar riscos de inundacións, aumentando a capacidade hidráulica do río Fontecova nun tramo de 300 metros”, explica a alcaldesa, María Loureiro

Viveiro, 4 de setembro de 2024. O Concello de Viveiro leva ao pleno municipal desta tarde a aprobación do convenio coa Deputación de Lugo e Augas de Galicia para realizar as obras que eviten as inundacións no barrio da Xunqueira.

A actuación, para aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova nun tramo de algo menos de 300 metros, suporá un investimento de preto dun millón de euros.

Despois de numerosas xestións realizadas pola alcaldesa, María Loureiro, realizaranse estas melloras estruturais. “Unhas obras moi necesarias e que terán un impacto enorme na vida dos veciños e veciñas”, explica.

O convenio de colaboración é de tres anualidades. En 2024 o Concello de Viveiro vai pagar 2.217,34 euros; en 2025 vai pagar 95.065,70 euros; e en 2026 vai pagar 95.065,70 euros. É dicir, un total de 192.348,74 euros.

Entre as actuacións máis relevantes está prevista a ampliación do leito do río, con novos muros de contención; a renovación e ampliación da ponte existente pouco máis arriba da estrada autonómica LU-540; a creación dunha obra de drenaxe pegada á ponte medieval Camiño da Fonte; a instalación dunha nova zona verde ao final da rúa na que se situará a fonte pública; e o traslado do actual lavadoiro, que se instalará máis abaixo do curso do río.

Exit mobile version