Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba concede máis de 100 axudas para a adquisición de material escolar do alumnado de educación infantil

As subvencións ás familias con nenos matriculados en centros de educación infantil supoñen unha inversión de case 10.000 euros con cargo ás arcas municipais

Vilalba, 25 de setembro de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de informar da resolución das axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado de educación infantil, das que se beneficiarán 105 familias vilalbesas.

Unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes e comprobado o cumprimento das bases, o Concello resolveu favorablemente a concesión de 105 axudas para a adquisición de material escolar do alumnado de educación infantil, o que supón unha inversión de 9.975 euros con cargo ás arcas municipais.

Así pois, do total de solicitudes presentadas máis do 80% foron aprobadas, quedando excluídas aquelas que non cumprían coas bases da convocatoria. En canto ao importe das mesmas, o 82% das subvencións concedidas corresponden á contía máxima das axudas, por un importe de 100 euros, sendo a porcentaxe restante, achegas de 75 euros para cada alumno/a.

“Este ano beneficiáronse das axudas 14 familias máis con respecto ao ano anterior” sinalou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, quen ademais explicou que se trata “dunhas axudas que xurdiron para cubrir os gastos de material escolar dunha franxa de idade que non conta con achegas de ningunha outra administración”.

“Queremos que a xente nova quede a vivir en Vilalba, que aposten pola nosa vila e para iso precisan servizos e alicientes que lles permitan facelo” afirmou Rouco, que cualificou a estas axudas como “unha aposta decidida e comprometida do noso goberno coas familias, ás que buscamos darlles sempre o maior número de facilidades posibles, tanto, neste caso no aspecto económico, como no ámbito da conciliación familiar”.

CONCILIACIÓN FAMILIAR

Nesa liña, o Concello de Vilalba mantén en funcionamento o servizo de madrugadores, xestionado pola administración municipal e do que se benefician máis de 50 familias vilalbesas en todos os centros de educación infantil e primaria do casco urbano vilalbés.

Ademais, a este servizo súmanse tamén o comedor da Escola de Educación Infantil, posto en marcha polo goberno local hai tres cursos escolares e que atende este curso a 70 alumnos e alumnas.

Un servizo que ademais é totalmente gratuíto para unidades familiares cunha renda familiar anual inferior a 7.000€ e ten un custe diario de 1, 2’50 ou 4’50 euros dependendo do baremo no que de renda anual no que se atope a unidade familiar.

Exit mobile version