Os traballos duraron sete semanas e supuxeron un investimento de máis de 71.000 euros
As vías en cuestión conectan con diversas instalacións agrogandeiras e parcelas de uso agrícola, polo que estas melloras resultaban especialmente necesarias para garantir un acceso seguro e adecuado para os vehículos que transitan pola zona. A intervención, que tivo un prazo de execución de sete semanas, contribuirá de maneira significativa a facilitar o desenvolvemento das actividades económicas da área, así como a mellorar a calidade de vida dos veciños.
Estas obras enmárcanse dentro das competencias municipais en materia de infraestrutura viaria e pavimentación, consideradas un servizo mínimo obrigatorio conforme á Lei Reguladora das Bases do Réxime Local.
O proxecto foi financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) cun orzamento inicial de licitación de 89.556,20 euros, sendo finalmente adxudicado por 71.395,00 euros tras o procedemento de licitación.
Con esta intervención, o Concello de Ortigueira reforza o seu compromiso coa mellora das infraestruturas locais e a seguridade viaria nas áreas rurais do municipio.