Burela, 27 de setembro de 2024. O Concello de Burela organiza nos meses de outubro e novembro dous obradoiros de escritura creativa coa autora burelá Antía Yáñez.
Os sábados 5, 19 e 26 de outubro será para adultos e os sábados 9, 16 e 23 de novembro para mozos e mozas de entre 14 e 20 anos. As sesións serán na biblioteca municipal e con prazas limitadas (12 por curso).
“Un pracer para o Concello realizar iniciativas coma esta, especialmente cando contamos cunha veciña e escritora da talla de Antía Yáñez, referente na literatura galega contemporánea”, asegura a concelleira de Cultura, Lina Gómez.
“Estas actividades non só fomentan a creación literaria, senón que tamén contribúen a enriquecer a vida cultural do pobo e estimular a creatividade da nosa comunidade”, engade Gómez, que agradece “a Antía a súa disposición para compartir a súa experiencia e coñecementos con todas e todos os participantes”.
En palabras da concelleira de Cultura, “con obradoiros como este, buscamos dar voz a novas historias e a novas formas de expresarse, facendo da cultura un punto de encontro e intercambio para todas as idades”.
Pola súa parte, o concelleiro de Mocidade, Mario Pillado, considera “fundamental que os rapaces e rapazas vexan en Antía Yáñez un referente cercano e unha mostra de que se pode desenvolver un proxecto vital partindo da nosa vila. Ademais estamos seguros de que unha profesional tan recoñecida coma Antía vai ser capaz de sacar o mellor da nosa mocidade”.
“Sentimos un enorme orgullo de ter o privilexio de presentar esta actividade tan enriquecedora e cunha veciña ilustre”, remata Pillado.