Trátase dun investimento de preto de 80.000€, encadrado no Plan Único da Deputación de Lugo 2023
“Trátase dunha rúa da zona histórica de Burela, na que xa fixeramos unha importante actuación de adoquinado que continúa agora con estes novos traballos”, sinala o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.
“O obxectivo é o de poñer en valor a zona histórica de Burela e de reforzar o seu atractivo, co obxectivo de revalorizar as propiedades da zona e incentivar o investimento nelas”, explicou o edil.
“É un investimento moi importante, de preto de 80.000€, que demostra o compromiso do Goberno local coa zona da Vila do Medio e coa zona vella, a zona onde naceu Burela”, engade.
Ademais do levantado de firmes e a renovación do pavimento, a obra incluirá tamén a limpeza de vexetación nas marxes da beirarrúa ou a renovación de canaletas.
Tamén se traballará nas redes de abastecemento e de saneamento, e mais nas acometidas eléctricas da rúa, enterrándose cables aéreos entre outras actuacións.
“A obra está encadrada dentro do Plan Único da Deputación de Lugo do ano 2023, polo que volvemos agradecer o esforzó investidor da institución provincial en Burela”, conclúe Fernández Rey.