Representacións en setembro: calendario e notas sobre as obras
22 de setembro. 10.00 h. Auditorio de Chantada
Señor López Producións. A Viaxe do Señor López
Comedia. Público familiar
O Señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas tristes e grises tan caracterñisticas do teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O señor López convértese nun paxaro-inuit. Úneste á súa viaxe?
Autoría, dirección e elenco: Rubén Pérez
Duración: 50 minutos
26 de setembro. 16.00 h. Ximnasio do Colexio CEIP Casás, Lugo
Ubú Teatro. O Vixilante de Soños.
Teatro con monicreques. Público familiar a partir de 3 anos
Desde pequeno, Sonólicus quere chegar á lúa. Busca no reflexo das pozas e dos espellos, sube ás caixas esmoreadas e aos tellados, e tantos esforzos fai por conseguilo e tanto estira os brazos cara á lúa que lle medran ata a deformidade. O seu empeño semella unha fantasía infantil da que a nai é testemuño. Unha noite acaba de medrar e, non só acada o seu obxectivo de acompañar á lúa, senón que se converte apra sempre no vixiante do sono e dos soños indantís.
Autoría: Ana Carreira
Dirección: José Campanari
Elenco: Marga Portomeñe e Ana Carreira
Duración: 45 minutos
28 de setembro. 20.00 h. Centro Sociocultural de Rábade
Ítaca Teatro. Anacos
Narración oral. Público mozo e adulto.
Historias vividas, escoitadas ou simplemente construídas no imaxinario do cotiá).
As lembranzas van aparecendo nas nosas vidas sen pedir permiso. Un cheiro, un sabor, unha foto, os primeiros acordes dunha canción ou mesmo o silencio dunha tarde, calquera tarde, invádenos e convídanos a viaxar pola memoria. Así, pouco a pouco, van agromando imaxes que nos levan a outros tempos vividos e fannos andar por camiños xa transitados. Cando estamos en soidade adoitamos gozalos, saboreando eses instantes que flotan no aire e se instalan na alma. Cando estamos en compañía tratamos de reconstruílos con palabras para compartir as historias que se gardan neses anacos.
Autoría: Carlos Rebolo
Actor e Narrador: Carlos Rebolo
Duración: 50 minutos
28 de setembro. 20.00 h. Auditorio Municipal, Mondoñedo
Lîlâ Teatro. Rara Avis
Comedia. Público a partir dos 13 anos
Paloma é un deses seres que cando camiñan parecen non tocar o chan- É coma se levara unhas ás invisibles adheridas ás súas costas que ademais de alixerar o seu peso, a dotasen dun halo digamos que “diferente”. A través da empatía, a coraxe, a perseveranza e sobre todo o seu particular sentido do humor é como Paloma logra reconciliarse co seu pasado, desgrutar do presente e propoñerse un futuro esperanzador. Ela, coma ninguén, é capaz de amosar que nunca é tarde para un novo comezo. Esta obra fai honra a todas as criaturas excepcionais que buscan o seu lugar no mundo.
Autoría, dirección e elenco: Lîlâ Teatro
Duración: 70 minutos
28 de setembro. 21.30 h. Centro Sociocultural Edificio Mariña Folgueira, A Pastoriza
Trécola Producións. Coa música a outra parte
Comedia de títeres de luva e música en directo. Todos os públicos
Catro historias entrelazadas forman este enredo, baseado en varias obras de Rafael Dieste ás que Trécola lles dá unha volta, engadindo escenas de colleita propia e actualizando o seu argumento con temáticas combativas e irreverentes, para darlles un toque divertido e provocador.
Autoría e dirección: Isa G. Coldeiro
Elenco: Ero Vázquez Cabrera e Raquel López Cendáz
Músicos: Pablo Pintor e Barbeiro
Duración: 60 minutos
Circuíto de Teatro Profesional: 59 representacións de 14 compañías
Trécola Producións, Xamón Producións, Ítaca Teatro, Ubú Teatro, Pinconús, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Baixo da Area Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mocromina Títeres, A Compañía Solitaria do Dr. Monifate e Loia Producións xirarán por toda a provincia co Ciclo de Teatro Profesional da Vicepresidencia da Deputación de Lugo con propostas escénicas están destinadas a distintos públicos, desde teatro de títeres para público novo ata montaxe con gran peso do baile tradicional e da música en directo na escena ata adaptacións teatrais de textos literarios como Poeta en Nova York.
A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que con este ciclo “a área provincial mantén o apoio á rede de compañías profesionais da provincia, poñendo en marcha unha programación concreta que lles permite rendibilizar o seu traballo creativo, e contribuíndo, no medio prazo, a consolidar un público para o teatro e as artes escénicas en todas as comarcas”.
Neste sentido, remarcou “a importancia de facilitar o acceso a propostas culturais de calidade en todo o territorio, de man de concellos e asociacións que precisan este tipo de colaboracións e iniciativas para ampliar as súas programacións culturais”.
O calendario, confeccionado coa colaboración de concellos e asociacións, inclúe representacións en A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Alfoz, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Barreiros, Begonte, Bóveda, Burela, Carballedo, Castroverde, Cervo, Chantada, Cospeito, Foz, Friol, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Navia de Suarna, O Corgo, O Saviñao, O Valadouro, O Vicedo, Outeiro de Rei, Pantón, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Taboada, Vilalba, Viveiro, Xermade.