Ribadeo, 28 de setembro de 2024. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, a través da Rede de Centros de Capacitación Dixital, oferta no vindeiro mes de outubro dous cursos totalmente gratuítos para a adquisición e mellora das competencias dixitais básicas da cidadanía. O primeiro será de nivel básico e comezará o día 2, rematando o 15. O segundo será de nivel intermedio e desenvolverase dende o 16 ao 29. Ambos os dous de 16 a 19 horas, aínda que o horario pode ser flexible.
O CIFP Porta da Auga explica que se trata de “cursos de 30 horas que, unha vez superados, conducen á acreditación da cualificación de nivel 2 do Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais Dixitalización aplicada á contorna profesional (IFC748_2), válida para bolsas de emprego, oposicións ou concursos. Para realizar os cursos só é preciso non estar nese momento matriculado noutros estudos formais dependentes da Consellería de Educación”.
Pódese realizar a matrícula e solicitar máis información dende a páxina web do centro (www.portadaauga.es), e de luns a venres no propio CIFP Porta da Auga, de 08:30 a 15:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas.
É unha acción financiada a través de fondos do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes e do programa Next Generation da Unión Europea.