Site icon Crónica3.com A Mariña

O Cenima acollerá este martes unhas Xornadas de divulgación sobre a conexión entre a gastronomía da Mariña e o produto pesqueiro

O vindeiro martes día 1 de outubro terán lugar no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) en Foz as xornadas de divulgación da estratexia do GALP A Mariña Ortegal, que nesta ocasión abordan conexión entre a gastronomía da Mariña e o produto pesqueiro

A Mariña, 27 de setembro, 2024. O GALP A Mariña Ortegal, continúa coas xornadas de divulgación da estratexia do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, que iniciou na pasada edición de Produart en Burela. Nesta ocasión abordarase a conexión entre a gastronomía e o produto pesqueiro local, co obxectivo de reforzar o seu consumo, facendo fincapé no sector da hostalería e restauración.

Na sesión anterior das xornadas quedou de manifesto que A Mariña ten unha ampla traxectoria na trazabilidade e identificación de produto pesqueiro, da man de dous dos portos máis importantes de Galicia, o de Burela e o de Celeiro. Nesta edición quérese potenciar o consumo do produto pesqueiro e a vinculación coa hostalería, apostando por un consumo sostible e responsable, onde se prime a calidade e frescura do produto local, e a redución da pegada de carbono que implica o consumo local. Trátase de promover tamén unha conexión co turismo reforzando a identidade da gastronomía co mar e os seus recursos.

Tres son os relatores que compartirán mesa para abordar esta temática. Jorge Guitián, xestor de patrimonio cultural e divulgador sobre gastronomía e turismo gastronómico, Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico en 2008 e colaborador da Guía Repsol, La Vanguardia ou Traveler, poñerá de relevo o traballo que se está facendo nesta zona coa posta en marcha do Plan Director do Turismo Gastronómico da Mariña, acompañado do Colectivo Gastronómico da Mariña, creado ao amparo do mesmo. Pepe Formoso, periodista e director dos establecementos Bela Fisterra e Bela Muxía, que preside actualmente a Asociación Profesional do Turismo da Costa da Morte (APTCM), compartirá a experiencia de “Meses con R Aposta segura”, campaña de promoción de produtos pesqueiros que están impulsado dende a mesma, co obxectivo de desestacionalizar o turismo nesa zona. Por último, e procurando a conexión cos centros públicos de formación nesta materia, será Higinio Díaz, profesor técnico de cociña do IES de Foz, centro de referencia en toda a zona da Mariña, o encargado de pechar a sesión poñendo de relevo a valorización que dende o centro se fai do produto pesqueiro local, na formación ao alumnado e no consumo que realiza o propio centro.

A xornada desenvolverase o martes día 1 de outubro a partir das 18:30 horas no CENIMA de Foz. A participación é aberta, pero agradécese a inscrición previa no seguinte enlace. Ao rematar degustaranse elaboracións con produto pesqueiro, realizadas polo alumnado do IES de Foz, acompañando con viños da IXP de Ribeiras de Navia, potenciando deste xeito a maridaxe entre produtos locais.

Exit mobile version