Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicita dende A Fonsagrada axudas urxentes e información para combater a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

O BNG denuncia o abandono total do sector gandeiro ao que a EHE lles supón uns custes medios de 400 euros por animal infectado

A Fonsagrada, 4 de setembro de 2024. Os deputados da área do Medio Rural Montserrat Valcárcel e Secundino Fernández, acompañados de membros do partido, visitaron unha explotación gandeira no lugar de Lamas de Campos, A Fonsagrada, unha das comarcas afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e que acaba de ver cancelada unha das súas feiras de gando máis importantes ante a súa presenza.

Dende alí, esixiron á Xunta do PP medidas urxentes e que asuma as súas funcións nunha situación de “extremo abandono” dos gandeiros ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, e que lle supón ao sector uns custes medios de 400 euros por animal infectado.

Os gandeiros e gandeiras da Fonsagrada trasladaron a súa “situación de abandono” e “falta de información e de axudas”, mentres a Consellería do Medio Rural está “ausente”, criticaron. É por iso que o BNG rexistrou iniciativas no Parlamento para que a Xunta tome medidas canto antes.

A enfermidade, que se manifesta cun proceso infeccioso non contaxioso, é causada por un virus da familia Reoviridae que se trasmite por uns mosquitos (Culipoides spp.) cuxo ciclo biolóxico se activa coa subida das temperaturas, despois dunha pausa invernal larvaria na auga.

Secundino Fernández recordou que o BNG “xa advertiu do que podía pasar coa chegada do verán” e agora demándalle á Consellería do Medio Rural que “tome medidas e que deixe de buscar excusas, que actúe xa”.

Segundo a web da Xunta de Galiza, en 2023 habilitáronse indemnizacións por valor de 196.000 euros para paliar a morte dos animais afectados pola doenza, axudas “que aínda están sen percibir por parte dos afectados” advirte, para apuntar que “se se comparan coas recibidas no resto do Estado, son unha cifra excesivamente discreta para o número de casos totais da enfermidade”.

Subliña que a media de gasto de 400 euros por animal que estea afectado “teñen que custeala os propios gandeiros sen axuda por parte da Consellería de Medio Rural”, lamenta.

A incidencia foi maior nesta temporada do verán de 2024 pero, para o deputado nacionalista, “as escasas medidas preventivas e paliativas dende o Goberno do PP non chegaron a tempo para ser efectivas e os gandeiros comezaron a sufrila sen estar preparados para a nova vaga de casos que comezou hai semanas no sur do país”, denuncia.

Para Secundino Fernández, estes son “resultados dramáticos para os animais e por extensión para os propietarios”, que se atopan nunha situación de “desesperación absoluta pola elevada morbilidade que a enfermidade está mostrando nesta tempada”, onde xa hai casos confirmados en 10 zonas veterinarias do país, con 388 casos constatados ata o de agora en laboratorio e “sen chegar aínda ao pico de afectación”, resaltou.

O BNG reclámalle ao Executivo de Alfonso Rueda fixar unha partida orzamentaria destinada a indemnizar os casos de EHE, “tanto os que rematen coa morte do animal coma os tratamentos destinados a paliar os síntomas da enfermidade e os servizos veterinarios derivados desta”, explica Fernández.

“Tamén pedimos subvencionar a vacinación voluntaria contra o virus da EHE, para todos aqueles gandeiros que soliciten as doses, custeando o tratamento e o servizo veterinario derivado da vacinación, agora cun prezo de 10€ por animal, e favorecendo así a inmunización da cabana gandeira galega”, insistiu o deputado do BNG.

Exit mobile version