Ante a proliferación da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica o BNG denuncia a pasividade da Xunta de Galiza e urxe a artellar medidas preventivas e paliativas suficientes
Durante a visita a unha explotación gandeira na localidade de Guitiriz, o deputado do BNG no Congreso estivo acompañado pola deputada nacionalista no Parlamento de Galiza, Montse Valcárcel, e a portavoz municipal da organización, Mónica Roca, así como doutros cargos orgánicos e institucionais do BNG.
A proliferación de casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica na época estival e a pasividade da Xunta de Galiza para desenvolver medidas preventivas están a ter resultados dramáticos para os animais e, por extensión, para as persoas propietarias. Ante esta situación, o BNG demanda a implicación do Goberno do Estado para que artelle medidas preventivas e paliativas suficientes.
“O MAPA ten que estabelecer partidas orzamentarias específicas destinadas ás Comunidades Autónomas que permitan incrementar e mellorar as indemnizacións ás explotacións e persoas propietarias de gando afectadas pola EHE e incluír tratamentos destinados a paliar os síntomas, os servizos veterinarios e mesmo a morte do animal” defende o deputado do BNG no Congreso.
Así mesmo, insta o Goberno a estabelecer, en coordinación e colaboracións coas administracións de cada Comunidade Autónoma, campañas de vacinación voluntaria contra o virus, subvencionando o custo das doses, tratamentos e servizos para favorecer a inmunidade. “Ao tratarse dunha enfermidade vírica non existe tratamento máis que paliar os síntomas mais, recentemente, a AEMPS ven de autorizar unha vacina coa que poder previr a doenza e que está actualmente a disposición para a súa comercialización, suxeita a prescrición veterinaria” explica Rego.
“Débese realizar un estudo da incidencia da EHE nas distinta áreas e Comunidades Autónomas, nomeadamente na Galiza como zona de especial afectación, e convocar unha reunión urxente do Comité Nacional do Sistema de Alerta Veterinaria (RASVE) para debater o estado da enfermidade e aportar posíbeis solucións que freen o seu avance” reclama Néstor Rego.
Actuacións contundentes frente á pasividade da Xunta de Galiza
A situación que atravesan os gandeiros e gandeiras da Galiza é de “total abandono por parte da Xunta de Galiza” que desouviu as alertas que a organización nacionalista e os propios traballadores do sector primario realizaron. “A Xunta debe adoptar medidas urxentes e debe asumir as súas competencias nunha situación tan grave como a que está a atravesar o sector e que supón custos elevados para as explotacións, sobre todo para as pequenas e medianas” reivindica a deputado do BNG no Parlamento de Galiza.
Montse Valcárcel denunciou a falta de planificación da Consellería para prever e combater a enfermidade e criticou as pírricas indemnizacións que está a estabelecer a Xunta para paliar a morte dos animais. As indemnizacións, explica a deputada nacionalista, saen dunha partida por valor de 196.000 euros o que “non chega a 500 euros por animal se calculamos que con ese diñeiro se indemnizaron 409 mortes na pasada tempada”.