Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG oponse aos agrupamentos propostos pola Xunta para o CEIP Castro de Ouro de Alfoz

O deputado Daniel Castro pide no Parlamento evitar estes agrupamento ao contar co alumnado suficiente e insta a recuperar a praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024. O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego para evitar que a Xunta do Partido Popular agrupe ao alumnado de diferentes ciclos educativos do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz, ao contar este co alumnado suficiente segundo os acordos asinados.

O deputado Daniel Castro salientou que ante esta diminución da calidade educativa e ao ver como a Xunta de Galiza desoe de maneira deliberada as peticións dos e das afectadas “faise necesario que o goberno galego resolva estas eivas de xeito inmediato”.

Por esta razón, o BNG ve inxusta esta situación xa que o propio acordo de agrupamentos indicaba que “se podería agrupar o alumnado de primaria pertencente a distinto ciclo nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 12” sinalou Castro. Pola contra, no CEIP Plurilingüe Castro de Ouro contan con 15 alumnos nun dos agrupamentos.

Ademais é necesario avaliar unha variable máis, porque hai outro agrupamento no que xustamente hai 12 estudantes, polo que se ten que estudar se algún deles ten necesidades específicas de apoio educativo, un feito que modificaría o ratio. “Todo isto agravado pola decisión da Xunta do PP de eliminar a única especialista en Pedagoxía Terapéutica coa que contaba o centro” apuntou.

Alén disto, o deputado nacionalista salientou que ao ser un centro situado nun concello rural, “fai máis difícil de entender que a Xunta de Galiza non teña nin a máis mínima intención de favorecer o asentamento de familias no rural galego”, introducindo medidas que provocan o efecto contrario.

Exit mobile version