A Deputación de Lugo rexeita o “taxazo” de Sogama que incrementa a factura dos concellos un 60 por cento en menos dun ano
Lugo, 24 de setembro de 2024. O deputado provincial e vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro calificou como “tardío” e “pírrico” o anuncio de axudas a ganderías afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizóotica (EHE) feito este luns pola tarde pola Xunta de Galiza, argumentando que “as axudas non se convocarán ata novembro cando as gandeirías levan desde 2023 reclamándoas” e que “son inferiores as doutras comunidades”
O deputado nacionalista lembrou que outras comunidades tramitaron axudas xa en 2023 “Extremadura, 7 millóns de euros, Asturia, 3 millóns de euros, e Castilla y León, 6 millóns de euros, e Galiza, 196.000 euros”. “No propio anuncio de onte están recoñecendo que o de 2023 era unha miseria” e as axudas que propoñen agora cun investimento de recursos propios de só 2,6 millóns de euros e “20 euros por animal para gastos en accions preventivas, tampouco chega”, remarcou o deputado que incidiu en que a Xunta de Galiza “só move ficha pola presión e pola mobilización dos gandeiros” e “polo traballo do BNG nas institucións e nas comarcas”.
O vicepresidente da Deputación fixo esta valoración durante o debate dunha moción do BNG que reclama á Xunta de Galiza medidas urxentes na loita das ganderías de vacún contra a EHE que foi aprobada por unanimidade e na que, ademais do financiamento da vacinación e a indemnización polos gastos e as perdas derivadas da enfermidade, se demanda ao goberno galego un plan preventivo e de deteccion de cara á vindeira anualidade baseado nun estudo rigoroso da súa incidencia previa.
Rexeitamento do “taxazo” de Sogama
O BNG tamén amosou no pleno o rexeitamento á suba do canon que Sogama -empresa semipública participada pola Xunta e Naturgy-, cobra aos concellos polo tratamento do lixo, que suporá un incremento do 60% en menos dun ano.
A deputada Iria Castro criticou a suba “unilateral, abusiva e desproporcionada” dun canon co que a Xunta de Galiza quere cargar sobre as veciñas e os veciños dos concellos o custo dunha “xestión nefasta” e do empeño nun modelo de tratamento de residuos custoso a antiecolóxico como o da incineración.
“O que temos que facer é abrir un debate sobre os residuos e introducir cambios na xestión para avanzar na recollida separada, a reutilización e a reciclaxe”, propuxo a deputada durante o debate dunha moción do BNG que reclama un xiro na política de residuos da Xunta e a creación dunha comisión de traballo -con representantes de Sogama, da Xunta e da Fegamp- para determinar as condicións do canon para 2025 antes da aprobación do Proxecto de Orzamento e que foi aprobada con votos de BNG e PSdG.
Educación pública
A formación nacionalista tamén insistiu en denunciar no pleno provincial a estratexia de desmantelamento do ensino público por parte do Partido Popular na Xunta de Galicia. Durante o debate dunha moción presentada polo PSdG sobre os recortes no inicio deste novo curso, a deputada Iria Castro lembrou que “mentras o investimento en ensino público está en máximos históricos”, centros públicos, especialmente no rural, están a comezar o curso con agrupamentos en aulas por riba das ráteos recomendadas pola propia Xunta e con falta de persoal.
A deputada nacionalista, que exemplificou a situación nas circunstancias que se están a dar nos colexios de Alfoz, A Pobra do Brollón, Guntín ou Portomarín, remarcou que “a educación non é un negocio, dá igual o esforzo económico que requira atender os centros do rural, porque non hai nenos de primeira e nenos de segunda”, concluíu a deputada.